O Concello de Rois celebra mañá sábado 29 de xuño a apertura da nova piscina nas instalacións municipais da Senra cunha gran festa infantil.

Nestes primeiros chapuzóns da temporada a cativada poderá gozar dunha sesión de inchables acuáticos que recibirán á rapazada coa apertura de portas a partir das catro da tarde. Logo dos baños, a diversión continuará para toda a familia co espectáculo de picadiscos de María Faltri, unha proposta para achegarse a algúns contos cantando e bailando. O comezo está fixado para as 19.30 horas.

Durante toda a festa haberá servizo de cantina contas as consumicións (bebidas sen alcol, xeados…) cun prezo de 1 euro.

As persoas usuarias atoparanse, ademais, con significativas melloras. As instalacións municipais suman agora unha piscina de escaso calado para a rapazada que aínda non sabe nadar e nos vindeiros días ampliará tamén o seu perímetro para que as persoas usuarias poidan desfrutar de maior espazo para tomar o sol.

Tamén será máis fácil aparcar logo de botarlle formigón á rampa que sube á zona de parking e se mellorará en accesibilidade con elementos como unha varanda nas escaleiras da entrada ou sinalizacións para as persoas que padecen algún tipo de discapacidade visual.

Combater o calor na piscina da Rois volverá ser gratis para todas as persoas que se acheguen ata a Senra, en Augasantas. As instalacións abrirán pola tarde de 16.00 a 21.00 horas ata o 15 de agosto. Despois, e ata o seu peche en setembro, o horario acurtarase media hora, funcionando entre as 16.00 e as 20.30 horas.

Acondicionada a praia fluvial de Seira

As opcións de sol e baño en Rois tamén inclúen a praia fluvial de Seira e a súa área recreativa á beira do río Rois, onde xa se levaron a cabo traballos de acondicionamento para recibir a veciñanza e a visitantes en condicións óptimas. Os análises realizados pola Xunta de Galicia certifican un ano máis a calidade suficiente da auga.