O Concello de Rois organiza para o sábado 5 de setembro unha excursión a Terra Nublar, un parque temático situado en Outeiro de Rei, en Lugo, que recrea un mundo prehistórico con dinosauros animatrónicos a tamaño real.
A iniciativa está concibida como unha xornada de lecer familiar na que as persoas participantes poderán achegarse ao mundo dos dinosauros a través dunha experiencia inmersiva. Terra Nublar é o único parque destas características no noroeste peninsular.
A excursión está dirixida a familias con menores, cun máximo de dúas persoas adultas acompañantes por unidade familiar. Tamén poderán asistir sen acompañamento familiar os nenos e nenas a partir de 8 anos, que permanecerán baixo a supervisión do persoal monitor durante toda a actividade.
A saída realizarase ás 9.00 horas desde Rois e ás 9.30 horas desde Urdilde. O regreso está previsto para a tarde.
O prezo da actividade é de 10 euros por persoa, mentres que os menores de 3 anos poderán participar de balde. A cota inclúe o desprazamento en autobús, a entrada ao parque e o seguro da actividade. Cada participante deberá levar o seu xantar e as merendas.
Inscricións do 10 ao 28 de agosto
O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o luns 10 ata o venres 28 de agosto. As solicitudes deberán enviarse ao correo electrónico inscricions@rois.gal, indicando o nome e os apelidos, a data de nacemento, o DNI, o enderezo postal e un teléfono de contacto das persoas participantes.
As prazas son limitadas e reservaranse por rigorosa orde de recepción das solicitudes, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio de Rois.
O Concello resérvase o dereito de suspender a excursión se non se alcanza o número mínimo de participantes necesario para desenvolver a actividade. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

















