O Concello de Rois abre hoxe o período de inscrición na ampla oferta de actividades municipais que inclúe, entre outras, actividades acuáticas ou termalismo para persoas adultas, e cociña, informática e inglés para menores de idade. Ata o 16 de setembro as persoas interesadas poderán inscribirse utilizando o formulario en liña que figura na páxina web municipal. O sistema de pagamento varía respecto a anos anteriores, e os participantes deberán ingresar na conta do concello as cotas daquelas actividades de pagamento único e domiciliar só os recibos mensuais ou trimestrais. O programa completo das actividades, os horarios propostos e as normas de inscrición e funcionamento pódense ler no arquivo adxunto.

Rematado o prazo de inscrición o 16 de setembro, ata finais de mes faranse público os listados provisionais e o día 29 os definitivos coas persoas admitidas. As clases comezarán o 3 de outubro, ofrecendo un período de proba ata o 31 no que  se poderá tramitar a baixa sen custo. O pagamento das actividades de cota única deberá facerse entre o 1 e o 15 de novembro.

oferta de actividades municipais para persoas adultas inclúe zumba e ioga un día á semana en Rois e Urdilde (40 € curso), pilates dous días á semana (60 € o curso completo); ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos dous días á semana en Rois, Urdilde, Ribasar e Ermedelo (40 euros) e actividades acuáticas dous días semanais na piscina climatizada de Padrón ou Brión (60 euros). As persoas que elixan zumba e pilates deberán pagar 75 euros, e por ioga, zumba e pilates 100 euros o curso completo.

O programa inclúe tamén unha clase semanal no multiobradoiro de arte e creatividade (45 euros trimestrais), co grupo de teatro Vacalouras (30 euros trimestrais) ou clases de inglés para preparar o B1 e B2 (30 euros mensuais), todas elas en Rois.

O taller de memoria para maiores de 50 anos un día á semana en Rois, Urdilde, Ribasar, Ermedelo e Liñares (40 € o curso) e o programa municipal de termalismo no balneario de Brión dúas mañás ao mes entre outubro e marzo (180 €) completan a oferta para persoas adultas.

Oferta para menores de idade

A oferta para os menores de idade é similar a de anos anteriores. As escolas deportivas municipais ofrecen un día á semana a opción de practicar baile deportivo, iniciación deportiva, golf, patinaxe artística, tenis, ximnasia rítmica e xadrez en liña (50 euros o curso), e dous días á semana clases de judo (70 €). Haberá desconto dun 25% na matrícula da segunda actividade e sucesivas, do 10% na matrícula dun segundo irmán ou irmá e dun 10% no total para familias numerosas. Estes descontos non son acumulables.

As actividades socioculturais ofrecen unha clase semanal no multiobradoiro de arte e creatividade (45 € trimestrais), contacontos (30 €), teatro (30 € trimestre) e informática, mecanografía e cociña (50 € o curso completo estas últimas). Arro-Rois, o contacontos para familias con menores de 3 anos, os martes alternos na biblioteca, ten un custo de 30 euros o curso. O Concello tamén oferta clases de inglés dous días á semana por un prezo de 30 euros mensuais.

Todas as actividades para menores desenvólvense en Rois (multiusos ou CPPI Os Dices) e Urdilde (CEIP O Pumar).

O Concello de Rois recórdalle á veciñanza que a matrícula na Escola Municipal de Música está aberta durante todo o ano.

Normas xerais e pagamento de cotas

Unha vez rematado o prazo de matrícula comezarán a formarse os grupos. O Concello recorda que se necesita un número mínimo de asistentes para que se celebren as diferentes actividades. No caso de que algunha das proposta conte cun número elevando de persoas poderán facerse diferentes grupos. Todo o alumnado inscrito contará con seguro de accidentes que vai incluído no prezo.

Respecto ao pagamento das cotas, no caso de que a actividade ou actividades elixidas sexan de pagamento único, será a persoa interesada quen deberá ingresar o importe correspondente na conta bancaria que o Concello de Rois ten en Abanca, número de IBAN ES64 2080 0328 9631 1000 0060. Despois deberá remitir o xustificante de pagamento por correo electrónico ao enderezo inscricions@rois.gal ou presentalo persoalmente nas oficinas do edificio multiusos.

Para as actividades con pago mensual ou trimestral, deberá domiciliarse os recibos indicando o número de conta no formulario de inscrición.

Actividades de conciliación: Ludoteca

Este curso académico, o Concello de Rois tamén asume partes dos custos das actividades de conciliación Ludoteca  tanto no CPPI os Dices de Rois como no CEIP plurilingüe de Pumar Urdilde, actividades que se realizan en coordinación coas ANPAs de ambos os dous centros.