• O Concello e a Fundación Rosalía plantan unha filla da Figueira da Casa da Matanza no Xardín do Recordo e colocan outra placa nos Fondóns

  • Alumnado dos colexios de Rois, Urdilde e da Galiña Azul, e usuarios do centro de día, reciben manteis individuais co ‘Caldo de gloria’

  • Todas as persoas que compartan en redes sociais co cancelo #RoisconRosalía ata o día 28 terán un agasallo

20210224 Rois Figueira Rosalia xardin recordo 01

O Concello de Rois ten hoxe unha apretada axenda colaborando coa Fundación Rosalía de Castro para conmemorar o día do nacemento da poeta do Sar e difundir a súa obra entre a veciñanza e a través das redes sociais. Nesta liña, o Concello plantou este mediodía unha filla da Figueira da Casa de Rosalía no Xardín do Recordo do pazo do Faramello e colocou unha placa conmemorativa. 

Nesta acto estiveron presentes os alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e Padrón, Antonio Fernández, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Despois de plantar a figueira, a que Anxo Angueira, lle desexou “longa vida”, un gaiteiro tocou unha alborada. Asistiron a plantación a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, o dono do pazo do Faramello, Gonzalo Rivero; o escultor Camilo Seira, e técnicos municipais de Rois.

Outra placa conmemorativa colocouse nos Fondóns, na parroquia de Seira, para lembrar que Rosalía de Castro fixo mención a este lugar no seu poemario En las orillas del Sar, no que figura esta estrofa:  “Ruge la presa lejos…, y, de las aves nido, / Fondóns cerca descansa; / la cándida abubilla bebe en el agua mansa / donde un tiempo he creído de la esperanza hermosa / beber el néctar sano, y hoy bebiera anhelosa / las aguas del olvido, que es de la muerte hermano; / donde de los vencejos que vuelan en la altura, / la sombra se refleja; / y en cuya linfa pura blanco el nenúfar brilla / por entre la verdura de la frondosa orilla”. 

Foron dous dos actos cos que o Concello de Rois celebra hoxe o Día de Rosalía, conmemorando que o 24 de febreiro de hai 184 anos nacía en Santiago, concretamente no Camiño Novo (hoxe a rúa Rosalía de Castro) a escritora galega máis universal.

Estes dous actos complementáronse co repartimento de manteis individuais entre todo o alumnado do CPI dos Dices (Rois), do CEIP O Pumar (Urdilde) e da escola infantil A Galiña Azul. Manteis que tamén recibiron no Centro de Día de Urdilde, para que hoxe alumnado e maiores poidan lembrar a figura de Rosalía durante o xantar ou leváreno de agasallo para as súas casas para celebrar este fermoso día en familia.

Unhas iniciativas presenciais que se reforzan co apoio que o Concello de Rois lle dá á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro (da que é mecenas) para difundir nas redes sociais a figura da poeta do Sar. A intención é converter o Día de Rosalía nunha grande homenaxe popular.  Por iso, convida a todas as persoas a compartiren o seu recordo nas redes sociais co cancelo #DíadeRosalía. A maiores, faralles un agasallo sorpresa a aquelas que empreguen tamén o cancelo #RoisconRosalía. Poden ler a súa obra, recitala, cantala, facer un debuxo  ou tan só falar do que supón para eles a escritora galega máis recoñecida.

Para participar, as persoas interesadas deberán facer unha publicación no seu perfil persoal de Facebook ou ben deixar un comentario baixo o anuncio dos actos que fai o Concello de Rois na súa propia páxina desta rede social. O prazo para participar neste Día de Rosalía dixital estará aberto ata o vindeiro domingo, día 28 de febreiro. O agasallo recollerase con posterioridade na biblioteca municipal de Rois.