O Concello de Rois inclúe este ano as clases de inglés B1 e B2, ioga e un multiobraodiro de arte e creatividade entre a oferta de actividades municipais deportivas e socioculturais para a poboación adulta do municipio. A matrícula deberá facerse a través do formulario da páxina web municipal ata o 30 de setembro. As clases comezarán o 4 de outubro e as persoas interesadas poderán darse de baixa ata o día 15.
A oferta de actividade física e deportiva inclúe ioga e zumba (40 €/curso por 1 hora a semana) e pilates (60 €/curso, con 2 horas semanais) en Rois e Urdilde. A ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos, con dúas horas semanais, poderíase realizar en Rois, O Codeso (Ermedelo), Urdilde e O Sisto (Ribasar) se hai alumnado suficiente. O prezo é de 40 euros todo o ano. Quen se apunte a zumba e pilates pagará só 65 euros polo curso completo.
As clases de inglés tamén se desenvolverán en Rois e Urdilde durante dúas horas semanais, con dous niveis diferentes. O B1 pre-intermediate (sábados de 10.00 a 12.00) e o B2 (de 12.00 a 14.00 horas). O seu prezo é de 30 euros mensais
Este ano mantense a oferta de teatro, co Grupo Municipal Vacalouras (luns de 20.30 a 21.30 no auditorio de Rois) e o multiobradoiro de arte e creatividade, os luns de 19.00 a 20.00 horas. En ámbolos casos, o prezo é de 30 euros cada trimestre.
As persoas interesadas teñen ata o 30 de setembro para formalizar a matrícula, que se fará a través do formulario da páxina web municipal (neste enlace). Aínda que as clases comezan o 4 de outubro, permítese tramitar a baixa ata o día 15.
Os grupos de cada actividade poderanse dividir en función do número de persoas inscritas e das restricións que poida existir en cada momento debido á covid-19.
O Concello advirte que aquelas actividades que non conten cun número mínimo de persoas inscritas non se realizarán. No caso de haber moitas matrículas, os grupos podense dividir, polo que o horario se modificará.
Pódese solicitar máis información non edificio multiúsos de Rois (981 816 061) de 10.00 a 14.00 horas ou enviando un mail a inscricions@rois.gal.
O programa completo de actividades municipais deportivas e socioculturais e os seus horarios pódense consultar na seguinta imaxe: