O Concello de Rois únese aos 24 concellos galegos que xa dispoñen do servizo Línea Verde, que usan máis de 500 municipios en España. “A través desta aplicación que se instala no móbil, os veciños xa poden pór en coñecemento do Concello aqueles danos que detecten na súa localidade”, asegura o alcalde de Rois, Ramón Tojo. Grazas a esta ferramenta de participación cidadá, “dende o Concello queremos achegarnos máis á veciñanza, coñecer as necesidades do municipio e así, poder darlle solución ás cuestións comunicadas”, engade.
Para utilizar este novo servizo é necesario instalar a APP Línea Verde, que se descarga gratuitamente dende Google Play ou APP Store. A partir dese momento, o usuario selecciona o Concello de Rois e xa pode comunicar a incidencia.
O procedemento para comunicar unha incidencia é moi rápido e sinxelo, basta con picar sobre o botón ‘nova incidencia’. Ao seleccionar unhas das tipoloxías que aparecen no despregable, a APP detecta as coordenadas exactas do dano que se quere comunicar. Achegamos unha foto da incidencia, engadimos as observacións sobre a mesma e dámoslle ao botón enviar. Persoal do Concello recibe a notificación do dano e, nese momento, inícianse os trámites para solucionalo. O cidadán recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado da mesma.
A través de Línea Verde, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental. Basta con seleccionar a opción de ‘nova consulta’. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia de forma completamente gratuíta.
Línea Verde tamén ofrece os seus servizos a través de contacto telefónico no número 902 193 768 en horario de 8.00 horas a 17.00 horas (custo da chamada 0,07 €/min).
Outra das posibilidades que ofrece esta ferramenta é o envío de comunicacións informativas por parte do Concello aos cidadáns que así o desexen. Desta forma, “ademais de implantar unha canle para resolver incidencias de mantemento no municipio tamén podemos facer chegar a información de servizo público que se considere oportuna como cortes de tráfico, de auga ou de luz; os horarios de determinados espectáculos municipais, e outras informacións relevantes”, asegura o alcalde.
Dende a aplicación Línea Verde tamén se poden consultar os principais puntos de interese de Rois e información relevante sobre o municipio.
O Concello de Rois anima á veciñanza a utilizar o servizo Línea Verde. A través da implantación deste servizo, e grazas a unha importante participación cidadá, pretende lograr un municipio que cumpra coas expectativas de benestar social dos seus veciños e veciñas.