O Concello de Rois conmemorará o venres 7 de marzo o Día Internacional da Muller con diversas actividades pensadas para visibilizar e recoñecer o labor das mulleres na sociedade. O auditorio acollerá a partir das sete da tarde a lectura da declaración institucional e a entrega do segundo Premio Extraordinario do Día da Muller a Marisa Neo Mejuto, mestra que promoveu nos anos 80 a construción do actual colexio dos Dices, no que foi xefa de estudos e directora. Tamén se entregarán os premios do Concurso de Carteis e pechará o acto o espectáculo de Raquel Queizás ‘Historias da man de Alice Guy’.

O goberno municipal de Rois instaurou o ano pasado o Premio Extraordinario Día da Muller co obxectivo de recoñecer a mulleres do municipio que contan cunha destacada traxectoria no ámbito profesional e na mellora da comunidade. Trala entrega do galardón na primera edición á física Eva González Noya, toma agora o relevo a mestra Marisa Neo Mejuto. 

Nada en Agolada no ano 1945, Marisa Neo incorporouse á docencia no ano 1968 e, tras un primeiro destino en Muxía, chegou ao municipio roisense para dar clases en Xei (Buxán) e finalmente en Rois no ano 1976. Durante os trinta anos que permaneceu no colexio de Rois formou varias xeracións de veciñas e veciños e foi unha das impulsoras da construción do actual colexio dos Dices, no que exerceu os cargos de xefa de estudos e de directora. 

Nun tempo de grandes cambios sociais, Marisa Neo implicouse en diferentes causas educativas e sociais, como foron a creación no colexio de Rois dunha das primeiras asociacións de pais de alumnos, o impulso do uso do galego nas aulas e fomentar que mozas e mozos roisenses continuaran os seus estudos para chegar á universidade. 

Logo de prexubilarse no ano 2006, Marisa Neo continúa vivindo en Rois xunto á súa familia e goza da súa xubilación pintando e escribindo poesía.

Os actos do Día da Muller continuarán coa entrega de premios do Concurso de Carteis que o Concello de Rois convoca cada ano entre os escolares do municipio coa idea de promover, a través da arte e da expresión plástica, a igualdade de xénero e a reflexión sobre os dereitos das mulleres e das nenas. Concédense dous premios por cada unha das nove categorías, que comprenden por idades ao alumnado que vai dende 1º de infantil ata 2º de ESO.

A tarde pecharase con Raquel Queizás e o seu espectáculo para público familiar ‘Cine de historias da man de Alice Guy’, que nos achegará á vida e á obra da primeira persoa que dirixiu cine de ficción co obxectivo de contar unha historia e que, ademais de ser a directora dunhas 500 películas, foi tamén guionista e produtora.