-
As triatletas Inés e Carla Castaño serán as pregoeiras da festa, que ten o seu día grande o martes 15 de maio cun xantar popular
-
Unha andaina, a feira de artesanía e produtos labregos e a exposición de maquinaria agrícola e animais de razas autóctonas centran o programa do sábado día 19
-
O domingo día 20 celébrase a ruta cabalar, que chega á súa décimo primeira edición
Rois. 7-05-2018. Maio é sinónimo de celebración no Concello de Rois. As festas de San Isidro Labrador volverán xuntar no municipio a centos de persoas de toda a contorna, chegadas para gozar da música, as atraccións, a ruta cabalar, unha andaina, o xantar popular ou a feira de artesanía e produtos labregos, entre outras actividades programadas.
As festas concéntranse en tres datas. A primeira delas é o martes 15 de maio, Día de San Isidro Labrador, que se abrirá con bombas de palenque e unha misa solemne na igrexa de San Mamede de Rois, cantada polo coro de Buxán, ás 13.00 horas. Posteriormente, o polideportivo acollerá a presentación dos festexos, a cargo do alcalde, Ramón Tojo Lens; e o pregón, que lerán as triatletas locais Inés e Carla Castaño, actualmente as dúas deportistas máis destacadas do municipio.
Homenaxes
No acto haberá tamén lugar para destacar as figuras de dous veciños do concello. A homenaxe Toda unha vida será para a centenaria María Sóñora Fontenla, de Silvarredonda (Buxán), nacida o 7 de marzo de 1918. A Homenaxe S. Isidro Labrador correspóndelle este ano a Juan Manuel López Míguez, veciño de Urdilde que rexentou durante moitos anos a Droguería López. Así mesmo, María Veiga Cristobo recollerá o premio como gañadora do concurso de carteis da festa.
O mediodía está reservado para o xantar popular, que comezará ás 15.00 horas. Asistir custa 8 euros para veciños e veciñas de Rois, 4€ para a rapazada menor de 10 anos residente no concello e 21€ para as persoas chegadas doutros municipios. Poden retirarse os tiques para o xantar ata o mércores día 9, en horario de mañá, na casa consistorial. A comida estará amenizada pola Charanga O Santiaguiño, e os nenos e nenas poderán gozar saltando en atraccións inchables.
Feira, exposicións e ruta cabalar
A celebración continúa o sábado 19, unha xornada intensa que se abre cunha andaina matinal por terras do municipio. Durante todo o día estará aberta no campo da festa de San Mamede de Rois unha feira de artesanía e produto labrego e exposicións de animais de razas autóctonas e maquinaria agrícola. Para este día organizáronse tamén actividades infantís e xogos populares, ademais de animación musical a cargo do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. Pola tarde haberá un concurso de manexo de tractores e un campionato de truco, que darán paso á verbena. Porán a música as orquestras Galilea e La Ola ADN.
Se o corpo aguanta, o domingo día 20 estará reservado para a tradicional ruta cabalar, que chega neste 2018 á súa XI edición. Partirá do campo da festa de Rois e a asistencia custa 7€ (25€ con xantar; a comida custa 12€ para nenos e nenas entre 7 e 12 anos e é gratis para menores de 6 anos). Poden adquirirse entradas no multiusos, no Bar O Pemento de Seira e na Agrobotica de Urdilde. Pola tarde, dentro da programación da ruta, homenaxearase aos xinetes de menor e maior idade e levarase a cabo unha xincana cabalar con premios. Pequenos e pequenas poderán facer paseos a cabalo.