As Cantareiras das Amas de Casa de Rois no Serán de Lingua 2025

Rois celebrou as cantareiras locais e as coplas tradicionais propias do municipio nunha nova edición do Serán da Lingua, que se desenvolveu este venres 9 de maio no auditorio municipal coas actuacións das Pandereteiras de Ermedelo, das Repiniqueiras de Urdilde, das Cantareiras das Amas de Casa de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima.

No mes no que se festexan as Letras Galegas e as festas patronais do Santo Isidro, Rois volveu deixar patente a riqueza que aínda hoxe en día atesoura en transmisión oral. Coincidindo coa dedicación do 17 de maio á poesía popular oral, nesta ocasión dedicou o seu Serán da Lingua ás coplas propias do municipio, marcadas polo ritmo das estacións e das labores do campo, así como polas festas e os costumes das distintas parroquias.

Un bo número destas coplas que se cantaban en Rois foron recollidas polas mulleres que forman parte das tres agrupacións que se subiron ao escenario, xurdidas nas clases de pandeireta municipais que imparte Jéssica Beiroa: as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, as Pandeireteiras de Ermedelo e as Repinequeiras de Urdilde, que compartiron parte deste repertorio roisense co numeroso público que se deu cita no auditorio.

Tamén subiron ao escenario Carmen Calvo e Carmen Chouza, que foron integrantes das Pandeireteiras de Buxán, agrupación nada nos anos 60 que foi a primera de Galicia en ter carácter profesional xa que actuaba nas festas a cambio dunha retribución económica.

Así o recordou José María Cebeiro, estudoso da música tradicional, que na súa obra Foliada en Rois Terriña… a nosa recorda a grande importancia que tiveron na comarca as agrupacións de Rois, ademais de facerse eco de ritos e tradicións que servían tanto de inspiración como de excusa para a transmisión da poesía popular.

Neste Serán das Linguas tiveron tamén protagonismo o lumepán, cerimonia que se celebraba o 30 de abril e que consistía en alumear as colleitas; e o porviso, figura mitolóxica que atemorizaba a veciñanza e que este venres sorprendeu ao público acompañando os grupos de baile e de gaitas do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, apostas de futuro.

O Serán das Linguas pechouse, como xa é costume, cunha animada chocolatada para todas as persoas asistentes.