• O Concello organiza unha misa-homenaxe para recordar ao mestre finado o pasado mes de xullo en Meis

  • O acto ten aforo limitado e é necesario inscribirse para asistir

20200810 Inscricion misa DJoaquin

 

A veciñanza de Rois homenaxeará o próximo sábado a don Joaquín Núñez Castro, o moi prezado director do colexio de Urdilde durante catro decenios, falecido o pasado 14 de xullo. O Concello organiza na súa memoria unha misa-homenaxe ás 11 da mañá no polideportivo da localidade, á que asistirán familiares, amizades e as autoridades municipais.

Joaquín Núñez foi unha figura fundamental para a historia contemporánea de Urdilde, onde residiu e tivo dous fillos coa súa dona, Cándida Sabarís, tamén mestra na localidade. Núñez comezou dando clases na escola unitaria local, para despois dirixir o colexio desde a súa construción, en 1977. Na memoria da veciñanza queda a súa enerxía á hora de organizar actividades que implicaron a toda a comunidade educativa, desde viaxes culturais a festivais e iniciativas para o proveito da mocidade. Don Joaquín, como era coñecido, tamén é recordado polo seu apoio ás familias na realización dos trámites para a obtención de prazas nos institutos ou de bolsas de estudo.

A misa-homenaxe celebrarase o sábado 29 de agosto ás 11 da mañá no polideportivo de Urdilde, cun aforo limitado a 250 persoas polas condicionantes da pandemia de Covid-19. Para asistir é preciso anotarse chamando en horario de mañá ao teléfono 981 816 061 ata o próximo venres.

O acto contará co acompañamento musical dun trío musical e dun organista, e nel intervirán o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, Mª Teresa Martínez, alumna tamén de Núñez Castro. Oficiará a misa o cura párroco de Urdilde, D. Juan Montero Fernández. Está prevista a asistencia da viúva, dos fillos e doutros familiares do finado, ademais de numerosos representantes da sociedade civil roisense, coa intención de recordar a figura de quen foi fundamental na educación de tantos veciños e veciñas ao longo de case medio século.