O Concello de Rois contará este ano con algo máis de 88.000 euros para gastos sociais extraordinarios, dos que o Concello aporta preto de 20.000 e os 68.000 restantes proceden do POS+ Adicional da Deputación da Coruña. No Pleno ordinario celebrado este venres, 10 de xaneiro, tamén se ratificou a cuarta addenda co convenio coa Xunta para financiar a depuradora de Urdilde, que xa está en funcionamento e na que se investiron 962.423 euros.
O Pleno aprobou por unanimidade o POS+ Adicional 1/2025 da Deputación Provincial da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios do exercicio 2025. Dos 88.152,30 euros destinados para este programa, o Concello aporta 19.631,37 euros e a Deputación da Coruña os 68.020,93 euros restantes.
Do montante global asignado a este programa, 80.234,78 están destinados a gastos correntes e a reforzar o persoal técnico dos Servizos Sociais municipais. Do total desta partida, 60.103,41 euros están incluídos no POS+ Adicional e os outros 19.631,37 euros son fondos propios municipais. Os 7.917,52 euros reservados para investimentos impútanse ao POS+ da Deputación.
No pleno ordinario celebrado este venres, a Corporación tamén ratificou a cuarta addenda ao convenio asinado entre Concello e Xunta para a construción da nova depuradora de Urdilde, que está motivada pola ampliación do prazo para rematar as obras. A depuradora xa está en funcionamento dende finais do ano pasado. A addenda foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e do PSdeG-PSOE e coa abstención do BNG.
O investimento total na depuradora de Urdilde ascendeu a 962.423,04 euros, dos que o Concello de Rois aportou 189.322,57 euros e a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, outros 773.100,47 euros. A aportación autonómica está financiada pola Unión Europea no marco do Eixo REACT UE do Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como resposta da UE á pandemia da Covid-19.
No apartado de rogos e preguntas, e tras as últimas inundacións dalgunhas zonas tras as intensas choivas desta semana, o BNG preguntou se o Concello tiña previsto poñer en marcha algún plan para previr as inundacións e limpar os ríos.
O alcalde, Ramón Tojo, respondeulle que o goberno leva meses traballando na elaboración dun plan de inundabilidade para poder reclamar accións as administracións superiores. Respecto das inundacións, engadiu que dende o Concello documentáronse graficamente algunhas deses asolagamentos e estanse a recompilar fotografías para solicitarlle a outras administracións e por en marcha actuacións que poidan evitar estas situacións nun futuro.Dende o grupo socialistas tamén solicitaron, entre outros temas, que o Concello poida poñer en valor unha fonte de augas ferruxinosas que hai na Peruca. Tamén pediu que se traslade á Deputación a posibilidade de que habilitar un carril de incorporación na Pontenova que facilite xirar cara a Peruca.