Cartel de Abril, mes dos libros 2025. Rois

Rois envorcarase un ano máis coa celebración do Día do Libro e, ademais de dedicar todo o mes ao fomento da lectura, convida ás familias a participar en dúas accións que teñen como fío condutor o respecto e a diversidade e que se desenvolverán o propio 23 de abril e o venres 2 de maio no multiúsos.


O Día do Libro, mércores 23 de abril, nenas e nenos poderán merendar xuntos; desfrutar dunha solta de libros nos caixóns da biblioteca, levando para a casa de balde aqueles títulos que máis lles presten; e desfrutar do espectáculo As peripecias de Xurxo, un contacontos dirixido a público a partir dos 4 anos que combina comedia de actor e monicreques. Da man de Jouse García, integrante de Malasombra Teatro, as persoas asistentes poderán coñecer a Xurxo, un home que sofre acoso na súa escola de señoras e señores e que, namorado dos libros e dos contos, contaranos a historia que cambiou a súa vida. O espectáculo comeza ás 18.00 horas.


A proposta do venres 2 de maio é o obradoiro O faiado de Nin, un taller no que cada participante terá a oportunidade de darlle vida a unha personaxe de trapo, personalizándoa ao seu gusto. Partindo de bonecos ‘en branco’, cada nena e neno poderá poñerlle pelo de lá ou tea de peluche, pintarlle a cara e confeccionarlle roupa con retallos de tea e feltro, demostrando que os bonecos non son só cousa de nenas. Este obradoiro, programado para as 18.00 horas, está dirixido a familias (un/ha neno/a na compaña dunha persoa adulta).


Tanto as actividades do 23 de abril como o obradoiro do 2 de maio teñen prazas limitadas. As inscricións estarán abertas entre o venres 4 de abril e o venres 28 de abril e poderán formalizarse fisicamente na Biblioteca de Rois no edificio multiúsos, por teléfono chamando ao 981 816 601 ou por correo electrónico escribindo a inscricions@rois.gal.