Guía de lectura. Día da Nena. Concello de Rois

A área de Igualdade do Concello de Rois celebra o Día da nena, que se conmemora hoxe 11 de outubro, coa elaboración dunha guía de lectura destinada a escolares que presenta unha recompilación de contos dispoñibles na biblioteca municipal e que presentan como nexo común a perspectiva de xénero. A selección recolle títulos que rachan cos estereotipos e outros nos que as mulleres asumen papeis diferentes daqueles nos que acostumamos a velas. Tamén ofrecen a oportunidade de coñecer a mulleres reais que son referentes ou lideran proxectos. A finalidade é concienciar ao público miúdo sobre o poder das convencións sociais á hora de manter as desigualdades e reivindicar as nenas como persoas valiosas.

As Nacións Unidas celebran dende 2011 o Día Internacional da Nena o 11 de outubro. Esta data converteuse nun momento propicio para celebrar o poder das nenas e evidenciar as barreiras que afrontan en todo o mundo. O Concello de Rois decidiu este ano conmoralo a través deste catálogo de lecturas infantís dispoñibles na biblioteca pública municipal. Trátase dunha recompilación de contos que loitan contra o sexismo e os estereotipos.

Os libros, como un recurso no tempo de lecer, sempre transmiten valores, crenzas, ideas, pautas de comportamento, maneiras de ser ou de relacionarse cos demais. Por iso, o Concello lembra que os contos son un recurso educativo de primeira orde e é importante tentar que estean libres de sexismos e estereotipos de xénero. Tamén incide en que permite que as nenas sexan vistas en roles non habituais e que as súas voces sexan escoitadas.

A guía pode consultarse no arquivo adxunto.