A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este sábado 26 de abril o Concello de Lousame acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, María José Echevarría, para anunciar a concesión dunha axuda de 81.000 euros destinada á adquisición dun punto limpo móbil compartido polos concellos de Rois e Lousame. Na visita participaron tamén a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo.
O novo equipamento consistirá nun camión 100 % eléctrico, dotado cunha grúa de 1.500 quilos de capacidade e preparado para transportar ata oito colectores adaptados para distintos tipos de residuos. Esta infraestrutura permitirá achegar o servizo de recollida selectiva aos 7.500 habitantes que suman ambos municipios, facilitando a reciclaxe e a correcta xestión dos residuos no ámbito rural.

A Xunta de Galicia achega 81.000 euros a este proxecto, mentres que os concellos de Rois e Lousame completarán o orzamento cunha achega conxunta de 27.900 euros. A previsión é licitar o punto limpo móbil nas próximas semanas e poñelo en funcionamento canto antes.
Este proxecto enmárcase dentro do plan de axudas da Xunta de Galicia, que este ano destinou 2,6 millóns de euros á mellora e creación de puntos limpos municipais. Ángeles Vázquez destacou que “o éxito da convocatoria obrigou a tramitar unha ampliación de crédito para atender todas as solicitudes que cumprían os requisitos”, demostrando o compromiso do Goberno galego co medio ambiente e a economía circular.
Unha vez operativo, establecerase un calendario rotativo semanal para que o camión visite as diferentes parroquias de ambos concellos. Nos colectores poderanse depositar residuos como papel e cartón, envases plásticos, vidro, restos metálicos do fogar, baterías e acumuladores, voluminosos ou restos de poda.
Desde o Concello de Rois valórase positivamente esta iniciativa que permitirá mellorar a xestión dos residuos, facilitar o reciclaxe á veciñanza e avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.