O Pleno da Corporación de Rois aprobou na sesión ordinaria do 9 de xaneiro destinar 68.653,37 euros a gasto corrente e 8.530,50 a investimento do POS+ adicional 1/2026 para o financiar gasto sociais extraordinarios.
O Concello de Rois destina estes 77.183,87 euros que lle corresponden da achega provincial do POS+ Adicional 1/2026 a financiar parte dos 569.506,33 euros da partida prevista para gastos sociais durante o presente exercicio. O punto foi aprobado cos votos a favor do PP (8) e a abstención da oposición. (3).
Tanto PSdeG como BNG discreparon co equipo de goberno no destino dos 8.530 euros para investimento, ao considerar que estes deberían destinarse á compra de material para uso das persoas usuarias. A concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, replicoulle que dende o Concello sempre se lle facilita o material extraordinario que precisan as persoas usuarias e que esta partida queda reservada para a compra de mobiliario que precisan o departamento de Servizos Sociais.
Cos votos a favor de PP e PSdeG e a abstención do BNG, neste primeiro pleno deste ano 2026, a Corporación aprobou corrixir un erro material detectado nos planos do PXOM na parroquia de Sorribas, para marcar correctamente como equipamentos (relixioso e cemiterios) a contorna da igrexa de Sorribas.
O Pleno ratificou por unanimidade a resolución da alcaldía pola que se aproba o proxecto para a construción da nova depuradora de Sorribas, obra que executará Augas de Galicia cun orzamento de 250.173,07 euros.
No último punto do pleno, o BNG preguntoulle ao alcalde como estaba a situación da recollida do lixo e a pertenza de Rois á mancomunidade. Ramón Tojo respondeu que, ao igual que Pontecesures, Rois xa non forma parte da Mancomunidade Serra do Barbanza. “Temos unha prórroga para poder licitar o servizo de recollida de lixo”, indicou o alcalde, que tamén explicou que está mantendo negociacións con Dodro, Pontecesures e Padrón para ver a poder de licitar conxuntamente a recollida de lixo e levalo a Sogama.

















