A piscina municipal de Senra prepárase para despedir a temporada de verán este domingo 31 de agosto.
Durante todo o verán, a piscina converteuse nun dos espazos máis frecuentados do municipio, especialmente nos días de altas temperaturas, ofrecendo unha alternativa segura e saudable para todas as idades. Nesta temporada solicitáronse e entregáronse 371 carnés de acceso, aos que se sumaron tamén numerosas persoas que optaron por acceder mediante entradas de día. O resultado foi unha grande afluencia de usuarios durante todo o verán, que se intensificou nos días da vaga de calor, convertendo a piscina nun dos principais puntos de encontro e lecer da veciñanza.
Desde o Concello de Rois, queremos agradecer a todos os usuarios a súa presenza e comportamento, que permitiron que a piscina se mantivese como un espazo de convivencia e desfrute seguro para familias, nenos e persoas de todas as idades.
O peche de temporada terá lugar este domingo, en horario habitual de apertura: de 16:00 a 20:30. Animamos a todos a achegarse, gozar do último chapuzón do verán e despedir a temporada como se merece.

















