• Tamén se aprobou por unanimidade a proposta de incluír nos presupostos de 2021 iniciativas de apoio ás persoas autónomas e ás pequenas empresas

O Concello de Rois vaise adherir ao convenio entre a Vicepresidencia Primeira e a Fegamp para que a Xunta se encargue de tramitar as sancións competencia do Concello relacionadas coa covid-19. A proposta debatida no pleno ordinario desta mañá foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno, ao considerar o alcalde que o Concello non ten medios para tramitar todas as denuncias que poden presentar as forzas de seguridade. Tanto PSdeG como BNG abstivéronse ao estimar que o número de sancións é reducido e poderianse tramitar nas oficinas municipais.

Na sesión de hoxe aprobouse por unanimidade a proposta do PP para incluir nos presupostos municipais de 2021 medidas de apoio aos traballadores e traballadoras autónomas e ás pequenas empresas dende o Concello. BNG e PSdeG apoiaron a iniciativa por crela importante, aínda que botaron en falta máis concreción nas medidas que se van poñer en marcha.

A moción do equipo de goberno en apoio da autonomía financeira de Galicia, para que dende o Goberno central non se vulnere o Dereito Civil de Galicia, sobre todo no referente ao legado de herdanzas en vida, contou cos votos a favor do PP e do BNG, partido este último que xa presentou no Congreso unha enmenda á lei do IRPF solicitando isto mesmo. Dende o PsdeG limitáronse a votar en contra, sen entrar a debater.

A moción do BNG para reactivar a asistencia sanitaria, que contou co apoio dos socialistas, foi rexeitada cos votos do PP ao entender que a Xunta está facendo unha boa labor que redunda en beneficio da veciñanza.

A proposta do grupo socialista para dar visibilidade ao colectivo LGTBI, que tivo o apoio do BNG, foi rexeitada cos votos do PP. O alcalde explicou que dende o goberno se están apoiando xa iniciativas deste estilo, como a exposición do colectivo Les Coruña que se inaugoru o pasado sábado e que permanecerá diante do Concello ata o 11 de xaneiro.