O Concello de Rois organiza un ano máis o concurso de carteis do Día da Muller, dirixido aos centros educativos do municipio para concienciar o alumnado en igualdade mediante a expresión plástica e artística. Os traballos premiados anunciarán os actos programados polo Concello co gallo desta conmemoración, se ben todos/as os/as participantes recibirán un diploma acreditativo.
O obxectivo deste certame é concienciar os escolares sobre os dereitos da muller e da nena e a necesidade da súa plena participación, en condicións de igualdade, na vida política, civil, económica, social e cultural. Así mesmo, búscase que os traballos promovan a erradicación de todas as formas de discriminación baseadas no xénero.
A participación no concurso está aberta a todo o alumnado dos centros educativos do concello de Rois, que poderá presentarse tanto a nivel individual como en grupo. A técnica é libre: ilustración, fotografía, debuxo, colaxe… todas as expresións plásticas están admitidas para elaborar uns traballos orixinais e inéditos, en tamaño A3 ou A4 e que, necesariamente, deberán ir acompañados dun lema ou texto en galego alusivo á conmemoración en cuestión.
O prazo de presentación finaliza o mércores 28 de febreiro, día en que se recollerán os traballos nos propios centros educativos. Para inscribirse é preciso achegar a folla de inscrición cuberta cos datos persoais do/a concursante ou grupo, así como os datos do centro educativo.
Entregaranse dous galardóns por cada unha das nove categorías, establecidas por idades: 1º a 3º de educación infantil, 4º de infantil, 5º de infantil, 6º de infantil, 1º e 2º de educación primaria, 3º e 4º de primaria, 5º e 6º de primaria, 1º e 2º da ESO e 3º e 4º de secundaria. No caso de traballos grupais elaborados por alumnado de diferentes cursos, clasificaranse na categoría do autor ou autora de máis idade.
Descarga nos documentos adxuntos as bases do concurso e a folla de inscrición.