O Concello de Rois celebra o vindeiro 24 de outubro o Día das Bibliotecas coa iniciativa Colle o teu libro e bule e a convocatoria do concurso de micropoemas ’14 Chanzos’ de temática libre escrito en galego.
Coa proposta Colle o teu libro e bule, o goberno municipal busca poñer en valor o traballo que se leva a cabo na biblioteca agasallando cun libro á veciñanza que se achegue ata as instalacións entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Ademais, o Concello pon en marcha a primeira edición do concurso de micropoemas 14 Chanzos co fin de fomentar a creación poética. Poderán participar nel todas as persoas maiores de idade que o desexen, con independencia da súa nacionalidade e do lugar de residencia. Cada participante poderá publicar unicamente un micropoema de temática e forma métrica libre cunha extensión de 14 versos que necesariamente deben estar escritos en galego.
O prazo de admisión dos micropoemas comeza o martes 24 de outubro e finaliza o 15 de decembro ás 23.59 horas. O resultado do concurso emitirase e farase público na páxina web www.rois.gal o día 18 de xaneiro de 2024.
O xurado cualificador, formado por persoas do ámbito da cultura e da lingua galega designadas polo Concello de Rois, establecerá un único gañador que recibirá como premio un lote de libros, un diploma acreditativo e a impresión e serigrafiado do poema nas escaleiras que dan acceso á biblioteca municipal.
O resto das persoas participantes recibirán tamén un diploma acreditativo e a difusión dos seus traballos na páxina web municipal.
O Día das Bibliotecas celébrase o 24 de outubro en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.
As bases do concurso pódense descargar no arquivo adxunto (neste enlace)