O Concello de Rois vai rehabilitar antiga escola unitaria de Urdilde para convertela nun Punto de Atención á Infancia (PAI) que poderá atender gratuitamente ata 20 nenos e nenas menores de tres anos, facilitando así a conciliación laboral de familias novas. O Concello vai contar cunha axuda da Xunta de Galicia de 184.000 euros, que lle foi confirmada esta mañá ao alcalde pola conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a visita que fixo ás instalacións.

A previsión do alcalde, Ramón Tojo, e que as obras saían a licitación nun prazo aproximado dun mes e que estean rematadas antes do verán, “para poder iniciar o próximo curso xa nunhas instalacións axeitadas”. Ramón Tojo tamén reiterou o obxectivo do goberno local de “recuperar edificios de titularidade municipal para crear servizos de calidade que beneficien a toda a veciñanza”.

Fabiola García, pola súa banda, salientou a recuperación da unitaria de Urdilde para a posta en marcha do PAI, que axudará a compaxinar a vida laboral e familiar á veciñanza de Rois e que incrementará nun 50% a oferta da etapa educativa infantil. 

A conselleira informou que os 184.000 euros que a Xunta lle concede ao Concello de Rois procede da orde para a creación de prazas de titularidade municipal que beneficia a unha vintena de concellos e permitirá crear máis de 450 novas prazas de atención 0-3 anos en toda Galicia.  

Na visita ás instalación, Ramón Tojo e Fabiola García estiveron acompañados polo tenente de alcalde, Manuel dos Santos; pola concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e polo arquitecto que redactou o proxecto de acondicionamento do edificio, Ignacio Piñeiro. 

Proxecto xa redactado

O Goberno local de Rois ten os trámites moi adiantados para que o PAI entre en funcionamento o antes posible. O Concello está redactando as bases para sacar a licitación as obras, en base ao proxecto feito polo arquitecto Ignacio Piñeiro.

A previsión é acondicionar o edificio da antiga escola unitaria de Urdilde para que o PAI cumpra coa lexislación vixente. As novas instalacións contarán con unha zona de gateo, cociña, zona de hixiene, aseos, vestiarios e zona de descanso. 

Tamén se fará unha actuación no exterior do edificio, para mellorar o seu illamento e dotalo de medidas de eficiencia enerxética, como calefacción por aerotermia. O proxecto contempla tamén dotar de mobiliario ao PAI.

Tras coñecer as previsións do alcalde para que o novo PAI de Urdilde estea listo o antes posible, a conselleira de Política Social e Xuventude puxo en valor as medidas que fan da nosa comunidade unha referencia en conciliación a nivel nacional. Deste xeito, subliñou actuacións como a gratuidade de todas as escolas infantís; a creación de 95 casas niño para levar a conciliación a concellos onde non existían estes servizos; e tamén mediante o Bono Coidado, que ofrece axudas para a contratación dun apoio extraordinario de conciliación.