Con motivo do Día das Diversidades Sexuais e ao obxecto de sensibilizar á poboación sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Asuntos Sociais e Emprego, Mercedes Basante, inauguraron unha placa conmemorativa coas cores do colectivo LGTBAQI+ no edificio multiusos.
Ademais, o Concello tamén destinou dous espazos, un en Urdilde e outro en Dices. Para elo, en colaboración con dúas artistas locais, voluntarias no municipio, Noelia Picadizo Villar e Cristina Porrúa Martínez, pintáronse sendos bancos coas cores do arco da vella no parque infantil situado preto do local da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde e un banco e un mural no acceso ao polideportivo de Dices.
Con esta actuación, o Concello quere amosar o seu apoio ao colectivo LGTBAQI+ “non só neste día senón durante todos os días do ano”, subliñou a concelleira, quen recalcou a participación das dúas voluntarias neste proxecto que “visibilizan a importancia da cooperación e a gran labor que fai o voluntariado no municipio. Quixemos desta forma tamén visibilizar ese traballo e apoiar á xuventude creativa de Rois”.
Tanto Noelia como Cristina son veciñas de Rois “e fixeron o bacharelato por Artes”, dixo Mercedes Basante, engadindo que “lle propuxemos o proxecto; elas presentáronnos a súa proposta que foi aceptada”.
Noelia Picadizo recalcou que “é un orgullo para nós que o Concello contase coa nosa colaboración e nos permitise participar neste proxecto. Amosa preocupación polos artistas locais”.
Ademais, o Concello de Rois sumouse un ano máis á campaña Liberdade de ser e sentir, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo da celebración do Día das Diversidades Sexuais. A bandeira coas cores do colectivo LGTBAQI+ permanece colgada na fachada do edificio multiusos.