O concello de Rois colaborará con 1.000 euros ao envío de material de axuda humanitaria ás persoas damnificadas polo terrible terremoto que a principios deste mes deixou máis de 44.000 mortos en Turquía e Siria. Esta axuda será canalizada a través da ONG IAE Rescue, con cuio delegado en Galicia, Miguel Montero, se reuniu esta semana o alcalde roisense, Ramón Tojo, na sede do GES de Padrón. Ao encontro asistiron tamén o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, así como o concelleiro delegado do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, José Ramón Pardo, e o xefe deste servizo.
Intervención, Ayuda y Emergencias, IAE Rescue, é unha asociación de voluntarios dedicada a adestrar cans e guías coa idea de desenvolver traballos como o de atopar sobrevivintes sepultados por mor dunha catástrofe. Foi este o labor que a ONG desenvolveu en Turquía cun equipo formado por dous cans e doce voluntarios, entre os que se atopaba precisamente Miguel Montero. Bombeiro do GES de Muros, guía canino e experto en estruturas colapsadas, foi un dos membros IAE Rescue que logrou rescatar tres persoas entre os cascallos dos edificios derrubados na cidade de Adiyaman.
Viaxe a Turquía a semana que vén
Agora, unha vez superada a fase de rescate e logo de se reunir co delegado do goberno turco para xestionar a emerxencia, a ONG retomará o seu traballo na zona afectada coordinando o envío de axuda humanitaria desde España. Por iso, Miguel volverá a Turquía a semana que vén para participar na distribución de material de primeira necesidade entre as persoas damnificadas. Os mil euros achegados por Rois e outros 1.500 que aporta Padrón servirán para contribuír á compra deste material e entre os obxectos agora máis perentorios atópanse tendas de campaña, sacos de durmir, xeradores eléctricos, calefactores, cociñas de camping, prolongadores e regretas eléctricas ou lotes de hixiene persoal.
A colaboración no envío de axuda humanitaria está aberta a quen o desexe e pode facerse de dous xeitos diferentes: comprando material e facéndoo chegar a Madrid, dende onde se organizará o envío, ou ben cunha aportación económica a través da conta ES56 0030 3053 2100 0014 4217. IAE Rescue responderá cun xustificante de recibo e indicará en que se investiron os cartos. O contacto coa ONG pode facerse a través do número de teléfo 617 061 681 ou na dirección de correo electrónico iae.turquia@gmail.com.