O Concello de Rois vén de dar a coñecer a súa programación cultural e de lecer para este Nadal 2025-2026, unha oferta diversa pensada para todas as idades e coa que se busca fomentar a participación veciñal e manter vivas as tradicións propias destas datas.
As actividades comezarán o domingo 14 de decembro, cando o Auditorio Municipal acolla, ás 18:00 horas, o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música de Rois. Este evento, xa consolidado no calendario cultural do municipio, permitiralle ao alumnado amosar o seu traballo diante das súas familias e da veciñanza, nun ambiente festivo.
A programación continuará o venres 19 de decembro, tamén ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, cun espectáculo pensado especialmente para o público infantil e familiar: A Maxia do Nadal. A cargo do Mago Paco, esta actividade está enmarcada no programa Outono Miúdo e promete sorprender a pequenos e maiores.
O cinema familiar volverá ser protagonista o venres 26 de decembro, cando se proxecte no Auditorio o filme Wonka, ás 18:00 horas. O Concello convida as familias a desfrutar dunha tarde de cine acompañada de flocos de millo e refrescos, nun ambiente pensado para compartir tempo de lecer durante as vacacións.
A maxia e a tradición faranse sentir especialmente o luns 5 de xaneiro, día no que a Comitiva dos Reis Magos de Oriente percorrerá as distintas parroquias do municipio, espallando ilusión entre toda a cativada. A xornada rematará coa habitual recepción oficial no polideportivo de Rois, xa entrada a tardiña, onde os máis pequenos poderán entregar as súas últimas peticións antes da noite máis especial do ano.
Paralelamente, ao longo de todo o mes desenvolveranse diversas iniciativas nos centros educativos do municipio. Entre elas destacan e tradicional concurso de tarxetas de Nadal, que promove a creatividade do alumnado; a entrega e recollida de cartas aos paxes reais dentro da campaña Para un Nadal con Apego; a elaboración dunha Guía de Lecturas de Nadal coas recomendacións de libros para ler ou agasallar que fan as bibliotecas escolares e a Biblioteca Municipal; e o programa de conciliación municipal Divernadal.
Con esta programación, o Concello de Rois reafirma o seu compromiso coa cultura, a convivencia e o apoio ás familias, convidando á veciñanza e visitantes a participar activamente nas actividades propostas e a gozar dun Nadal cheo de momentos compartidos.

















