Cartaz da 17 edición do Día da Bicicleta en Rois

As bicis volverán ser as grandes protagonistas en Rois o sábado 10 de setembro, cando se celebre o XVII Día da Bicicleta cun percorrido de ao redor de vinte quilómetros polas parroquias con saída e meta diante da Casa do Concello. Trátase dunha magnífica oportunidade para facer exercicio, coñecer o municipio e divertirse.  

A proba, aberta a participantes de todas as idades, comezará ás 16.30 horas e discorrerá por Antequeira, A Pontenova, A Meana, Seaxe, Tourís, Francelos, O Sisto, A Gandariña, Angueira de Castro (onde estará localizado o punto de avituallamento), O Sisto, Francelos, Tourís, Seaxe, A Meana, Lamego, a praia fluvial de Seira, Seira, Oín e Samil.   

E, despois de darlle os pedais, a xornada pecharase cunha festa na que haberá agasallos para todas as persoas participantes, que poderán gozar tamén do espectáculo para público familiar de Xoán Curiel e a Banda de Verán.

As inscricións abriranse unha hora antes do comezo da proba e será obrigatorio levar casco de protección.