O venres 24 de outubro Rois conmemorará o Día das Bibliotecas co espectáculo para público familiar A bibliotecaria estrafalaria. Trátase dunha proposta de narrración oral na que Cris de Caldas volve a meterse no papel de Candelaria, unha bibliotecaria soñadora e sorprendente, para compartir co público contos cheos de maxia, humor e aventuras.
O espectáculo A bibliotecaria estrafalaria está recomendado para peques a partir de catro anos e desenvolverase na biblioteca municipal de Rois ás 18.00 horas. A entrada é gratuíta pero as prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán apuntarse mandando un correo a inscricions@rois.gal.
Ademais, ao longo da semana Rois levará a cabo unha solta de libros, na que todas as persoas que o desexen poderán adoptar un libro dos que ofrece a biblioteca para darlle unha nova vida na súa casa. E tamén realizará a presentación da publicación dixital Novas Lecturas, unha recompilación de novidades de banda deseñada realizada polo alumnado do obradoiro de emprego Xuventude Terras de Iria 2024, no que participa mocidade de Rois, Padrón e Dodro.

















