O alcalde e membros do goberno de Rois recibiron onte cun forte aplauso á veciñanza que se achegou a celebrar os 15 anos do edificio multiúsos e á estrea do novo escenario do auditorio municipal, dotado con nova iluminación led, sonido dixital, maquinaria escénica e máis altura. Moitas das sesenta persoa asistentes subíronse por primeira vez ao escenario e ao abrirse o pano recibiron os aplausos do equipo de goberno. “Todo isto é posible grazas ao voso apoio, asistencia e implicación nos actos que se celebraron nestes quince anos. Esta homenaxe é para vós”, díxolles o alcalde, Ramón Tojo.
O alcalde agradeceulle á veciñanza o apoio recibido e a súa asistencia ás actividades celebradas no multiúsos e no auditorio municipal dende a súa inauguración en 2008. “Pasaron moitas cousas nestes quince anos e organizamos moitos anos. Tal vez o máis importante foi cando xuntamos aquí a representantes dos 27 países da Unión Europea” en novembro de 2021, dixo.
Ramón Tojo explicoulles aos asistentes a importante reforma que se acabada de realizar no escenario do auditorio cunha axuda da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ao abeiro dos fondos NestGenerationEu e do mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento da Unión Europea 2021/241. Con estas achega e fondos propios municipais instalouse un novo sistema de audio dixital, modernizouse o sistema de iluminación dixital con luminarias led, mellorouse a climatización da sala e ea maquinaria escénica con novos panos e téxtiles, ademais de dotalo dunha maior altura.
Para que a veciñanza puidese coñecer e vivir estas melloras de primeira man subiron ao escenario polo acceso interior ao mesmo, na que para moitas persoas foi a primeira vez que se sentían protagonistas dun acto. Cando se abriu o pano foron recibidos polos aplausos do alcalde e membros do equipo de goberno, que os agardaban no patio de butacas.
A inauguración do auditorio coincidiu tamén coa apertura da exposición 15 anos de vida, que se pode visitar nos baixos do multiúsos e na que se recollen algunhas das actividades realizadas dende a inauguración do edificio en 2008.
Onte, as persoas asistentes puideron ver algúns dos carteis orixinais das obras de teatro que se representaron no auditorio durante os últimos 15 anos, unha exposición de traballos do Taller de arte e creatividade ou dos agasallos entregados polo Nadal. O encontro que en 2013 mantivo o escritor Xosé Neira Vilas co alumnado do CPI os Dices e o libro de visitas no que asinaron as compañías que fixeron algunha representación en Rois son outros dos apartados cos que conta esta mostra recompilatoria.
A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, quixo recoñecer o traballo realizado polos técnicos municipais, cunha mención especial a Anayansi Singh e Roberto Agrelo, técnica de cultura e de deportes, respectivamente, que fixo posible que “se desenvolvesen moitas das programacións e espectáculos que se puideron ver en Rois durante os últimos quince anos”.
Cóntame un mundo e vídeo Roteiro da memoria
Durante a inauguración da exposición e do novo escenario proxectouse o vídeo Roteiro da memoria, que forma parte da iniciativa Cóntame un mundo, un proxecto que ten como obxectivo recompilar e dar a coñecer historias da nosa tradición oral á vez que tende pontes interxeneracionais entre persoas maiores e novas e diferentes agrupacións sociais. Rois é un dos oito municipios galegos no que se desenvolveu este proxecto.
Para presentar o vídeo estiveron en Rois Raquel Queizás e Alba Grande, dúas das promotoras da iniciativa que durante o pasado verán mantiveron diferentes reunións coa veciñanza roisense para recuperar a tradición oral.
Dentro desta actividade, e a finais de xullo, realizouse o Roteiro da palabra por diferentes lugares de Urdilde, que se recolleu nun vídeo que foi presentado onte á veciñanza.
Festa holiA programación para celebrar os 15 anos do edificio multiúsos rematou cunha festa holi no campo da festa de Rois, na que pequenos e maiores puideron gozar coa música, diferentes coreografías e, sobre todo, lanzándose pos de diferentes cores.