O Concello de Rois organiza o sábado 13 de setembro o Día da Bici, unha cita deportiva e de convivencia que alcanza a súa vixésima edición.
Como novidade respecto a anos anteriores, a marcha trasládase á mañá e reduce o seu percorrido de 19 a 12 quilómetros, co obxectivo de que máis nenos e nenas e familias ao completo se animen a participar nesta festa do ciclismo.
A saída está prevista ás 11.00 horas desde o polideportivo municipal, punto de partida e chegada do percorrido. A ruta pasará por Oín, A Peruca, Lamego, A Meana, Seaxe e O Casal ata chegar á praia fluvial de Seira, onde se habilitará un punto de avituallamento. O regreso farase por Seira, Oín e Antequeira, finalizando no polideportivo de Rois.

A participación é totalmente gratuíta e as persoas interesadas poderán facer a súa inscrición o propio día da proba, de 9.45 a 10.45 horas no polideportivo municipal. A organización lembra a importancia de que cada participante leve casco obrigatorio durante toda a ruta.
Ao rematar o percorrido, realizarase un sorteo de agasallos, entre os que se inclúe unha bicicleta, e entregaranse recoñecementos especiais ás persoas ciclistas de maior e menor idade que tomen parte no evento.
O XX Día da Bici no Concello de Rois é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, o Club Ciclista Padronés Cortizo, Froiz, Gadis, o Restaurante Pedra Santa, AdeMario e Protección Civil Terras de Iria.
Dende o Concello de Rois anímase á veciñanza a participar nesta xornada aberta a todas as idades, que combina deporte, natureza e diversión en familia.

















