A veciñanza de Rois celebrará o Santo Isidro por todo o alto. O programa de actos presentado polo Concello propón música, festa, andainas e actividades deportivas e culturais, e esténdese máis alá do día grande, que se levará a cabo o domingo 15 de maio. As festas compleméntanse ademais coas actividades de Rois no Camiño das Letras, dando lugar a unha ambiciosa programación que vai do 6 de maio ata o día 19 de xuño.

A fin de semana grande abrirase o sábado 14 cunha gran verbena a cargo da orquestra Unión y Fuerza e do Dúo Reflejos, no campo da festa de Rois. Será o quecemento para o Día de Santo Isidro Labrador, que se celebra o domingo 15 de maio. O campo da festa será o epicentro das actividades nunha xornada moi completa que se abrirá ás 9.30 horas coa III Andaina Popular Santo Isidro Labrador. Ás 12.00 actuarán as agrupacións da Escola Municipal de Música, e ás 13.00 celebrarase unha misa solemne, acompañada polo coro de Buxán.

Xa pola tarde, a cativada poderá gozar co espectáculo infantil A granxa (17.30 horas) e, un pouco despois (18.30), será o momento para a actuación de varias agrupacións de música tradicional do municipio: interpretarán as súas cantigas as Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois, as pandeireteiras da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo e as repeniqueiras da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde.

Durante toda a tarde haberá inchables e obradoiros para familias e un picnic no campo da festa para persoas empadroadas en Rois. Para poder beneficiarse desta merenda é preciso retirar un ticket de balde na Casa do Concello antes do 11 de marzo.

A noite do Santo Isidro abrirase ás 19.00 cun monólogo do cómico Pepo Suevos, baixo o título Falade galego rapazada… é unha pasada! A seguir, contra as oito, comezará un serán musical coa actuación do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima e coa achega das tres agrupacións de mulleres pandeireteiras que interpretaron o tema Sororidade, obra de Jéssica Beiroa e que se fixo viral na conmemoración do pasado Día da Muller. O grupo De Vacas, inmerso no seu Tour Vacanal 2022, poralle a guinda á xornada.

As actividades na honra de Santo Isidro non rematarán co día grande. O deporte marcará a última fin de semana de maio co XIV Premio Ciclista do Santo Isidro-Trofeo Suso Blanco Villar, que reunirá os mellores deportistas das categorías elite feminina, júnior masculina e feminina e cadete de ambos sexos. A proba disputarase o sábado 28, con saída ás 10.00 desde a Casa do Concello de Rois.

Rois no Camiño das Letras

A programación cultural de maio complétase coas actividades de Rois no Camiño das Letras, co gallo da celebración do día das Letras Galegas. Bota a andar o venres 6 de maio cun espectáculo infantil no Auditorio Municipal (18.00 horas). Sobre as súas táboas, a compañía Percubebés interpretará a obra Almanaque musical. Nesa mesma fin de semana, as agrupacións da Escola Municipal de Música de Rois darán un concerto no Auditorio (sábado 7, 18.00).

O venres 20 de maio presentarase no Auditorio (20.00) o documental A poeta analfabeta, dirixido por Sonia Méndez. O martes 24 de maio a acción proseguirá no Auditorio Municipal cun espectáculo infantil titulado Corochas, a cargo da compañía Xarope Tulú (18.00h). Para este mesmo público familiar organízase, xa o venres 27, o Gran Xogo das Letras Galegas, na Biblioteca Municipal (17.30). A seguir, no mesmo recinto, a compañía Teatro Trangalleiro de Brión interpretará a obra Xogo de donas.

A programación cultural e deportiva seguirá ben viva a seguinte semana, a cabalo dos meses de maio e xuño. O martes 31 a Biblioteca Municipal acollerá un xogo de Scape Room para nenos e nenas de 8 a 13 anos (18.30). Xa o sábado 4 celebrarase unha andaina por parellas (16.30) para coñecer algúns lugares destacados do municipio.

Por último, a música será a protagonista da seguinte fin de semana. O sábado 18 e o 19 de xuño o Auditorio acollerá (18.00) os concertos de solistas e entrega de diplomas ao alumnado da Escola Municipal de Música de Rois. Con esta actividade pecharase un completo programa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Rede Cultural da Deputación da Coruña e de Protección Civil.