O Concello de Rois organiza este sábado, día 22, o XV Día da Bicicleta con un percorrido de 20 km por diferentes parroquias do concello para amosar os fermosos paisaxes do municipio. A ruta ten unha dificultade baixa, para facilitar a participación de pequenos e maiores, que tomarán a saída ás 16.30 horas diante do concello. Sortearase unha cea e unha bici de montaña entre os asistentes.
A celebración do XV Día da Bicicleta coincide en Rois coa celebración da XVII Volta Ciclista a Galicia, que pasará por diante da casa consistorial entre as 14.45 e as 15.10 horas. Xusto uns minutos despois, a partir das 15.30 horas, abrirase a inscrición para que todas as persoas que desexen gozar percorrendo Rois en bicicleta se poidan anotar. U uso de casco é obrigatorio.
A partir das 16.30 horas os participantes no Día da Bicicleta tomarán a saída na casa consistorial para facer un percorrido que pasará por Antequeira, A Pontenova, A Meana, Seaxe, Tourís, Francelos, O Sisto, A Gandariña, Angueira de Castro (onde haberá un avituallamento), O Sisto, Francelos, Tourís, Seaxe, A Meana, Lamego, praia fluvial, Seira, Oín, Antequeira e rematar de novo na casa do concello.
Ao finalizar a ruta sortearase material ciclista entre as persoas participantes e tamén unha cea para dúas persoas no restaurante Pedra Santa, ademais dunha bicicleta de montaña. A organización entregará un trofeo homenaxe á persoa máis nova e máis veterana que participan neste ruta.
Organizada polo departamento de Deportes do Concello de Rois, no XV Día da Bibicleta colaboran a Deputación da Coruña, Froiz, Gadis, Restaurante Pedra Santa, Ciclo Sport Blanco Villar e Protección Civil de Rois e de Padrón.