As rúas e estradas de Rois acollerán o próximo sábado 22 de setembro as actividades do Día da Bicicleta, que chega xa ás quince edicións. Ciclistas de todas as idades e condicións físicas poden participar nesta cita, que percorrerá vinte quilómetros de vías cun percorrido de dificultade baixa.

A marcha partirá da Casa do Concello roisense ás 16.30 horas e para participar hai que inscribirse desde unha hora antes no mesmo lugar de saída. O Concello de Rois organiza esta xornada coa colaboración da Deputación da Coruña, Supermercados Froiz, Gadis, o Club Ciclista Padronés Cortizo-Anova e as agrupacións de Protección Civil de Rois e de Padrón.

Os participantes percorrerán uns 20 quilómetros saíndo da casa consistorial e pasando por Antequeira, A Pontenova, A Meana, Seaxe, Tourís, Francelos, O Sisto, A Gandariña e Angueira de Castro, onde se parará para facer o avituallamento; proseguirase polo Sisto, Francelos, Tourís, Seaxe, A Meana, Lamego, a praia fluvial e Seira, Oín, para regresar de novo por Antequeira á Casa do Concello.

Ao rematar a ruta a organización sorteará material ciclista e unha bicicleta de montaña entre as persoas participantes, e entregará trofeos de homenaxe ao ciclista de menor idade e ao máis veterano. Para participar é obrigatorio o uso de casco protector. Con esta actividade, o Concello de Rois quere animar á cidadanía a apostar por un estilo de vida saudable e empregar a bici como medio de transporte limpo e eficiente.