O sábado 14 de setembro, o Concello de Rois volverá a encherse de vida coa celebración do XIX Día da Bicicleta, un evento xa consolidado na axenda local e que cada ano reúne a veciños e visitantes nunha xornada de deporte, natureza, diversión e convivencia.
O evento comezará ás 16.30 horas no polideportivo de Rois, que será o punto de saída e chegada dunha ruta ciclista de 19 quilómetros. Este percorrido atravesará algúns dos lugares máis fermosos do concello, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de gozar da beleza da paisaxe local. A ruta inclúe A Pontenova, A Meana, Francelos, O Sisto e a igrexa de Ribasar, onde se situará un punto de avituallamento. Este tramo permitirá aos ciclistas descansar e recuperar enerxías antes de continuar por Francelos, Sorribas, Lamego, Seira, Oín e Antequeira, para finalmente regresar ao punto de partida.
Un dos grandes atractivos desta xornada é que está deseñada para todas as idades, polo que tanto a cativada como as persoas adultas poderán desfrutar dun día de exercicio ao aire libre. A organización entregará agasallos aos participantes, e como é habitual, renderase unha homenaxe aos ciclistas de maior e menor idade, destacando o seu entusiasmo e espírito deportivo. Ademais, ao final do percorrido sortearase unha bicicleta.
Inscricións e seguridade
As inscricións estarán abertas desde as 15.30 horas no pavillón de Rois, e pecharanse xusto antes de comezar a proba, ás 16.30 horas. A organización lembra que o uso do casco de protección será obrigatorio para todas as persoas participantes, como medida esencial para garantir a seguridade ao longo do percorrido.
Ao longo do camiño, as persoas participantes poderán gozar das vistas e do ambiente festivo, culminando nunha celebración no pavillón de Rois, a partir das 20.00 horas. Nesta gran festa final haberá espectáculos de freestyle a cargo de Poten100mos-Gallos del Norte e unha demostración de danza con Ricardo Prado.
O XIX Día da Bicicleta no Concello de Rois é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, o Club Ciclista Padronés Cortizo, Froiz, Gadis, o Restaurante Pedra Santa, AdeMario, Protección Civil Terras de Iria, Poten100mos, a Plataforma Diversidade Arte Inclusivo e a Fundación La Caixa.