O Concello de Rois organiza para a próxima semana unha axenda de actos para celebrar a figura literaria e humana de Rosalía de Castro coincidindo co 23 de febreiro, data do 186 aniversario do seu nacemento. A poeta, moi ligada a Rois e á comarca do Sar, será celebrada a través dunha degustación gastronómica do “caldo de gloria” ao que cantou, unha homenaxe con ofrenda floral e recitado, un roteiro didáctico para escolares e outras actividades que complementan a programación da Fundación Rosalía de Castro, como o concurso nas redes cos cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía.
Degustación de caldo de gloria
Para recordar a esta veciña ilustre, os establecementos hostaleiros de Rois repartirán entre a clientela tapas de caldo de gloria, a modesta e emocionante receita que describe Rosalía no poema homónimo. Participarán nesta iniciativa Taberna Angueira, Taberna Casa, Benjamín, Hotel Camiño do Mar, Mesón A Casiña, Bar O Pemento, Café-bar Rafa, Bar O Toxiño, Club de golf Val de Rois e Taberna Venezuela. Estes locais distribuirán, ademais dos manteis conmemorativos elaborados pola Fundación Rosalía de Castro, un marcapáxinas editado polo Concello de Rois especialmente para esta data.
Ofrenda floral
O acto máis formal da celebración do Día de Rosalía levarase a cabo o mesmo 23 de febreiro ás 10:30h, no multiúsos roisense. As autoridades municipais farán unha ofrenda floral á poeta fronte ao mural vexetal, obra de Camilo Seira, que engalana a entrada principal. O alumnado dos colexios públicos de Rois recitará poemas da homenaxeada.
Andaina didáctica
Rematada a ofrenda floral, contra as 11:00h, os escolares poderán coñecer lugares ligados á figura da escritora a través dunha andaina polo tramo roisense da ruta Rosalía nos camiños.
Concurso en redes
O Concello de Rois organiza, ademais, un concurso en internet no que se pode participar desde o día 20 ata o 28 de febreiro. Sortearase unha peneira realizada polo Centro Ocupacional Amipa entre todas as persoas que compartan algún contido relacionado coa poeta nas redes sociais utilizando os cancelos #DíadeRosalía (xenérico da celebración) e #RoisconRosalía. Poden subirse cancións, lecturas de poemas, reflexións ou calquera tipo de material que teña que resalte a importancia de Rosalía para a cultura galega.
Rois, mecenas da Fundación Rosalía
Os actos do Día de Rosalía son unha acción que remarca a vinculación do Concello de Rois coa escritora máis importante das letras galegas. O Concello é mecenas da Fundación Rosalía de Castro; a través desta fórmula de colaboración, ao longo do ano ofrécense visitas guiadas adaptadas á idade ás entidades educativa do municipio e ás asociacións culturais, ademais de favorecer a promoción de Rois como territorio ligado indisolublemente á obra da poeta.