O Pleno do Concello de Rois aprobou por unanimidade na sesión ordinaria do pasado venres asinar coa Xunta de Galicia o convenio de colaboración, en materia de incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con este acordo renóvase o convenio que Rois xa tiña asinado coa Xunta e que se desenvolve a través da Consellería do Medio Rural e a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), para evitar a proliferación dos incendios forestais mantendo limpas de maleza as faixas secundarias.

Na sesión do pasado día 13 tamén se aprobou por unanimidade solicitarlle á Consellería de Educación a desafectación do uso educativo das escolas unitarias de Sorribas e da Peruca, para que se poidan destinar a outros usos. A preguntas do grupo socialistas, o alcalde, Ramón Tojo, explicou que estas unitarias xa as está utilizando a veciñanza. Esta solicitude é o primeiro trámite para poder desenvolver nestas antigas unitarias outras actividades diferentes as educativas.

Na sesión tamén se deu conta do decreto da alcaldía polo que se aproba a liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2024.

No apartado de rogos e preguntas, o grupo socialistas interesouse pola situación da recollida do lixo e a débeda coa Mancomunidade Serra do Barbanza. Ramón Tojo explicou que o Concello ten recorrida a última subida de taxas que presentou a mancomunidade.

Respecto do futuro, o alcalde indicou que está negociando a sinatura dun convenio con Sogama para o tratamento dos residuos.