O Concello de Rois asinará un convenio co de Brión para a execución compartida do proxecto de mellora do viario que vai de Vilar de Abade (Sorribas) ata A Igrexa (Bastavales), segundo aprobou hoxe o Pleno da Corporación roisense cos votos a favor de PP (8) e PSdeG (2) e a abstención do BNG (1). Ao comezo do pleno gardouse un minuto de silencio polas vítimas do incendio de Almería.

Rois será o encargado da xestión compartida do convenio con Brión, da execución do proxecto e de solicitarlle unha subvención á Xunta de Galicia para poder acometer as obras. O proxecto ten un orzamento de 62.500 euros, dos que se solicitarán 50.000 euros á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en base a convocatoria de axudas para mellora de infraestruturas municipais. Os dous concellos aportarán a partes iguais os 12.500 euros restantes.

Este será o segundo proxecto compartido por Rois e Brión, despois da actuación acometida por ambos os dous concellos o ano pasado para reformar da ponte de Codesido que facilita a saída deste núcleo cara a Xabaxáns (Brión). O investimento desta obra foi superior aos 130.000 euros, dos que a Xunta aportou 50.000 euros.

No pleno celebrado este venres, os tres grupos da Corporación coincidiron na necesidade de mellorar a estrada de Vilar de Abade ata Bastavales. O BNG optou pola abstención ao non estar incluído o proxecto no expediente. O acordo contou cos votos a favor do equipo de goberno popular e do grupo socialista.

No apartado de rogos e preguntas, e a requerimento do BNG sobre a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF), o alcalde, Ramón Tojo, explicou que está previsto levar a pleno neste mes de xullo a proposta da mesa de contratación para designar á empresa que se encargará deste servizo.

O PSdeG preguntou polas obras do saneamento en Formarís, respondendo Ramón Tojo que se está pendente de contar con todos os permisos necesarios e o convenio co Concello de Dodro para rematar esta obra, xa que esta rede de sumidoiros conectará coa de Dodro.

Minuto de silencio polo incendio de AlmeríaAntes de comezar a sesión, a Corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas do incendio de Los Gallardos, en Almería, no que xa se contabilizan 12 persoas mortas e 23 desaparecidos. A media mañá, e seguindo a recomendación da Federación Galega de Municipios e Provincias, membros do equipo de goberno e traballadores municipais gardaran outro minuto de silencio diante da casa consistorial.