A Corporación de Rois aprobou no primeiro pleno ordinario desta lexislatura o presuposto municipal para 2023, “o máis alto na historia do municipio”, en palabras do alcalde. O orzamento ascende a 4,4 millóns de euros, medio millón máis que o ano pasado. O incremento ven motivado, fundamentalmente, polo aumento de subvencións da Xunta e da Deputación para financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que se prevé externalizar e pola utilización das transferencias do POS+ adicional para financiar gastos correntes.

O orzamento para este exercicio foi aprobado cos oito votos a favor do equipo de goberno (PP), a abstención do BNG (1) e o voto en contra do PSdeG (2). As principais variacións respecto ao presuposto de 2022 no apartado de gastos veñen motivadas polo feito de que o Concello vai seguir prestando o Servizo de Axuda no Fogar a través dunha empresa. Isto implica que diminúe o gasto en persoal ata 1,1 millóns de euros e se incrementan os gastos para manter os servizos a cidadanía, ata os 2,67 millóns de euros (pola externalización do SAF e o aumento dos costes de reparación e mantemento das infraestruturas municipais).

Para inversións reais, o Concello de Rois destinará este ano 457.663 euros, unha cifra lixeiramente inferior á do ano pasado pola reasignación das anualidades da aportación municipal ao convenio con Augas de Galicia para a depuradora de Urdilde.

Polo que respecta ao capítulo de ingresos, o maior incremento do orzamento aparece no capítulo 4 (transferencias correntes procedentes doutras administracións), que contemplan 2,53 millóns. A previsión de ingresos por impostos directos ascende a 893.000 euros, lixeiramente superior ao ano anterior debido á previsión de maior recadación por impostos de vehículos. Mantense a previsión de ingresos por impostos indirectos en 400.000 euros, e sube lixeiramente a previsión de taxas e outros ingresos ata os 399.900.

No debate, o alcalde sinalou que “o equipo de goberno presente un orzamento sólido, que é o máis alto da historia de Rois” e destacou que os gastos do equipo de goberno son menores que no pasado exercicio. A oposición criticou que se presentasen as contas en setembro e explicou que o goberno presenta un orzamento sen proxecto. Na votación, o PP (8) votou a favor, o PSdeG (2), en contra, e o BNG (1), abstívose.

A Corporación tamén aprobou destinar os 410.826,34 euros do POS+ Adicional 2023 a gasto corrente cos votos a favor de PP e BNG (9) e o voto en contra do PSdeG (2). O alcalde explicou que isto permitiralle ao Concello pagar facturas a provedores. A interventora municipal aclarou que con esta medida poderase reducir os tempo de pago de facturas, motivada en grande medida polo retraso no cobro de subvencións doutras administracións para executar obras e proxectos que o Concello xa tivo que pagar previamente.

O BNG criticou a falta de proxecto e o desacordo coa xestión do goberno municipal, pero votou a favor da proposta. O grupo socialista subliñou que o goberno local está destinando a gasto corrente máis de seiscentos mil euros do POS, e votou en contra da medida.

Festivos locais e convenio de turismo

Na sesión de hoxe, deuse conta da resolución da alcaldía pola que o Concello solicitou subvención á Xunta e aprobou o convenio con Padrón e Dodro para poñer en marcha o obradoiro de emprego Xuventude Terras de Iria para formar a 15 mozos e mozas durante un ano na confección e publicación de páxinas web.

Tamén por resolución da alcaldía, o Concello de Rois establece como festivos locais para o ano 2024, como ven sendo tradicional no municipio, o luns de Pascua (1 de abril) e o día de Santo Isidro Labrador (15 de maio).

Cos votos a favor do equipo de goberno, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG aprobouse asinar o convenio de colaboración co GD-19 Asociación Terras de Compostela para a promoción turística de Rois a través do Xeodestino Terras de Santiago. 

O alcalde lembrou que a Axencia Turismo de Galicia encadrou tanto a Rois como a Padrón no Xeodestino Terras de Santiago e designou á Asociación Terras de Compostela como entidade para levar a cabo as accións de promoción turística no municipio, para o que resulta necesario a sinatura do convenio. 

Rogos e preguntas

No último punto do pleno, o BNG solicitou que se revise a ruta de sendeirismo das Penicias e que se arranxen algúns postes en mal estado e preguntou se a Mancomunidade Serra do Barbanza vai instalar os contedores marróns en Rois. O alcalde respondeulle que o luns hai unha reunión coa mancomunidade.

Dende o PSdeG preguntaron polas obras do PAI de Urdilde e polo recurso xudicial contra a liña de alta tensión no Castro Lupario. O alcalde respondeu que as dúas licitacións para arranxar o PAI quedaron desertas e que o Concello aínda non ten ningunha resposta ao recurso xudicial presentado contra a liña de alta tensión.