• Os presupostos contaron co voto favorable do PP e a abstención de PSdeG e BNG

  • Increméntase o gasto social e a axuda ás familias, reducíndose o investimento en obras

  • Resérvase unha partida para axudar aos autónomos que non recibiron o PEL Reactiva por falta de fondos

 

O Pleno da Corporación de Rois aprobou hoxe en sesión extraordinaria os presupostos para este exercicio, que ascenden a 3,7 millóns de euros, unha partida moi similar a do ano pasado. Nas contas increméntanse o gasto social e as axudas ás familias e redúcese o investimento en obras. Deste xeito, a partida de gastos en bens correntes e servizos que se prestan a veciñanza representan 1,88 millóns, e as inversión reais 390.000. Os orzamentos foron aprobados con 7 votos a favor do equipo de goberno (PP) e a abstención da oposición (PSdeG e BNG).

Durante o presente exercicio, o Concello de Rois recibirá a maior parte dos ingresos das transferencias procedentes doutras administración (1,96 millóns), mentres que os impostos e taxas supoñen algo máis do 42% dos ingresos (1,6 millóns de euros).

Con respecto ao ano pasado, aumenta o capítulo de gastos en bens correntes e servizos debido ao incremento das partidas destinadas ao programa que se vai poñer en marcha para fomentar a conciliación familiar e laboral entre os escolares do municipio, e tamén a un maior gasto nos servizos de limpeza e desinfección dos colexios por mor da covid-19.

O capítulo de transferencias correntes tamén medra con respecto ao presuposto do ano pasado. Os 238.600 euros desta partida destinaranse a pagar a atención benéfico-asistencial á veciñanza, os programas de becas, cultura e deportes, ademais da escola infantil de Rois e o centro de día de Urdilde. O incremento deste capítulo está motivado polo emprego da maior parte do plan POS+ Adicional da Deputación en axudas ás familias e porque se reserva unha partida de fondos propios do Concello para pagarlle as subvencións aos empresarios e autónomos que non puideron recibir as axudas do PEL Reactiva da Deputación, que non tiña fondos suficientes para facer fronte a todas as peticións.

O montante destinado a obras (inversión reais) redúcese este ano respecto a 2020 para dotar con máis fondos ás partidas destinadas a gasto social e a axudas ás familias.

No debate, tanto BNG como PSdeG preguntaron pola municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e se está dotada suficientemente esta partida. Na resposta, dende intervención adiantouse que a previsión é que a empresa que colabora co concello siga facturando durante os primeiros catro meses do ano, e que a partir de maio, as traballadoras da empresa que prestan servizo en Rois se incorporen ao cadro de persoal municipal.

A oposición tamén se interesou pola adquisición de dúas fincas, unha delas no entorno do colexio dos Dices. O alcalde explicou que é para intentar trasladar a esta zona a escola infantil A Galiña Azul e poder ampliar as prazas coa que conta agora mesmo, que son insuficientes para atender a demanda. “A nosa intención é poder concentrar tanto a escola infantil coma o colexio na mesma zona”, explicou o alcalde, Ramón Tojo. Tamén está previsto comprar outra finca preto da igrexa de Seira para ampliar espazo municipal nesa zona.

Na sesión tamén se aprobou a conta xeral de 2019, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSdeG.