O Concello de Rois abriu o prazo de inscrición para un novo Curso de Horticultura Ecolóxica, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar o autoconsumo responsable e o respecto polo medio ambiente entre a veciñanza. O período para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 7 de abril.

Esta formación, de carácter eminentemente práctico, está dirixida tanto a persoas que se inician no mundo da horta como a aquelas que desexan mellorar os seus coñecementos prescindindo do uso de produtos químicos. O programa inclúe contidos fundamentais como a saúde do solo, a asociación de cultivos, o control natural de pragas e a técnica tradicional do camallón.

O curso desenvolverase no Edificio Multiúsos de Rois durante catro xornadas en sábado: os días 11, 18 e 25 de abril e o 9 de maio, en horario de 10.00 a 12.30 horas.

O prezo da actividade é de 25 euros. As prazas son limitadas e, ante a previsión de alta demanda, terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.

As inscricións poden formalizarse de maneira telemática a través da web municipal premendo neste seguinte enlace.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Edificio Multiúsos ou chamar aos teléfonos 981 816 061 ou 981 804 109.