20191015 web Marcadora 2

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón, que atende toda a comarca do Sar, leva retirados no concello de Rois 1.000 niños de velutina, e outros 500 no de Dodro. Co obxectivo de colaborar co traballo da agrupación e facilitar unha mellor e máis rápida atención da veciñanza para retirar as perigosas colmeas da avespa asiática, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, entregoulle esta mañá aos responsables do GES unha marcadora para eliminar as colmeas desta especie invasora.

Esta marcadora, similar a unha escopeta que inxecta balas de veleno nos niños, permitiralles aos membros do GES neutralizar aqueles niños que non poidan atacar coa pértega de 12 metros da que xa dispón a agrupación. Ademais, facilitará unha resposta máis rápida e reducir os tempos de intervención tamén naqueles casos nos que a colmea se atope incluso dentro do alcance da pértega.  Deste xeito, asegura o responsable do GES, Domingo Sánchez, “reduciremos a lista de agarda e tamén o custe económico medio de eliminación de cada niño, xa que poderemos actuar más rápido e tamén durante o día”.

Ramón Tojo destacaba esta mañá que, esta marcadora, na que o concello de Rois investiu 1.800 euros, “permitirá unha maior erradicación da velutina non só no municipio de Rois, senón tamén no resto da comarca do Sar, facilitándolle o traballo aos membros do Grupo de Emerxencias”.

No acto de entrega estiveron presentes, ademais do alcalde de Rois, o concelleiro responsable de Emerxencias de Padrón, Ángel Rodríguez; o responsable do GES Domingo Sánchez, e varios profesionais do grupo.

A presenza de velutinas, como ocorre no resto de Galicia, é unha plaga no municipio de Rois e no resto da comarca do Sar. Nos últimos tres anos, o GES de Padrón retirou aproximadamente un milleiro de colmeas de avespa asiática só no municipio de Rois, entre os avisos que recibiron de particulares e do 012 (o teléfono de información da Xunta no que se recollen estes avisos). Ademais, en Dodro, o grupo retirou tamén outros 500 niños.

Retirar un niño de velutina ten un coste medio de 15 euros só en insecticida, indican dende o GES de Padrón, sen ter en conta os gastos en medios materiais e persoais (polo desprazamento ata a localización da colmea e o tempo invertido). Estes costes varían segundo diversos factores, como son o tamaño no niño, a accesibilidade ao mesmo e o medio utilizado para eliminalo (pértega, insecticida, elevadora, marcadora, etc).

Preto de 600 avisos en tres anos dende o 012

Dende agosto deste ano o GES de Padrón só recibe avisos de niños de velutina que procedan do 012, o teléfono de información da Xunta de Galicia. Nos últimos tres anos, tamén atendía as chamadas que lle chegaban directamente da veciñanza ou dos concellos.

Neste período o GES recibiu 582 avisos por niños de velutina procedentes do 012. “A esa cifra habería que engadirlle case outras tantas chamadas que facían directamente os veciños”, sinala o responsable da agrupación.

Dos 582 avisos procedentes do 012 que recibíu o GES, 76 procedían das parroquias de Ribasar e Urdilde . A distribución por parroquias deste avisos é a seguinte: Augasantas (55), Buxán (54), Costa (19), Ermedelo (44), Herbogo (35), Leroño (30), Oín (31), Ribasar (76), Rois (62), Seira (44), Sorribas (56) e Urdilde (76).

360 intervencións nun trimestre

No terceiro trimestre deste ano (de xullo a setembro), o GES de Padrón realizou 360 intervencións na comarca do Sar, das que 63 efectuaronnas en Rois. A metade delas, 32 en total, tiveron relación cos niños de velutina.

Por tipoloxía, o GES intervíu en 19 incendios e 70 accidentes de tráfico e 18 rescates. Outras 253 actuacións inclúense dentro do epígrafe outras intervencións. Delas, 109 foron contra os niños de velutinas e 33 pola presenza de animais soltos ou mortos. O GES tamén realizou neste período 34 operativos e 27 accións preventivas.