Na semana do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Rois desenvolve unha serie de actuacións para visibilizar o seu compromiso coa erradicación da violencia machista e lanzar a mensaxe de tolerancia cero con este tipo de comportamentos. Tinguir de morado a casa consistorial, a publicación dun vídeo institucional instando á veciñanza a apoiar as vítimas da violencia de xénero e o reparto de marcapáxinas son algunhas das accións que Rois desenvolve estes días. ‘Son de Rois e non calo’ é un ano máis o lema da campaña deste 25N, co obxectivo de concienciar a sociedade da necesidade de denunciar os comportamentos machistas.
As veciñas e veciños roisenses Bárbara Bustelo, Romi Gómez, Sonia Ares, Marcos Freire, Vanesa García, Lois Gil, Vanesa Verduga, Daniel Bustelo, Vanesa Reboredo, Antía Feáns e Marta Blanco protagonizan o vídeo que, co gallo do 25N, pode verse dende hoxe na canle de Youtube do Concello de Rois. Realizado pola empresa de comunicación Alicentis, o audiovisual quere mandarlle unha mensaxe ás vítimas animándoas a denunciar ao seu agresor e lembrándolle que non están soas. Rois, sinala a veciñanza no audiovisual, rexeita todas os tipos de violencia de xénero e reivindica a liberdade das mulleres para vivir como lles peta e perseguir os seus soños. “Quérete a ti mesma. Merécelo. Calquera momento é bo para dicir acabouse (o maltrato)”, subliñan.
A campaña de apoio ás vítimas e de sensibilización refórzase dende este luns á noite coa iluminación de morado da casa consistorial. Doutra banda, o propio 25N, xoves, o Concello repartirá 800 marcapáxinas coa lenda ‘Son de Rois e non calo’ entre alumnado e persoal docente dos centros educativos roisenses, así como entre todas as veciñas e veciños que acudan ás oficinas munipais e ao Multiúsos.