O Concello de Rois vén de ampliar o prazo de inscrición para participar no concurso de disfraces do Entroido que se celebrará este sábado 18 de febreiro e no que se repartirán 1.810 euros en premios repartidos en seis categorías. Todas aquelas persoas que desexen participar deberán cubrir a folla de inscrición e remitila ao enderezo electrónico inscricions@rois.gal ata o venres 17 ás 15.00 horas ou entregala o mesmo día do concurso, na Casa do Concello, entre as 16.00 e as 16.30 horas. Non será posible realizar a inscrición no pavillón polideportivo de Rois, lugar do evento.

Ademais do concurso, haberá photocall, xogos xigantes, merenda a cargo das asociacións municipais participantes e, para finalizar, a actuación do Dúo Acherizados.

As contías dos premios por modalidades son os seguintes: na categoría individual infantil contémplanse seis galardóns: Os tres primeiros premios serán en metálico e estarán dotados con 30, 25 e 20 euros, respectivamente, e os tres restantes recibirán un agasallo.

Na modalidade individual maior de 12 anos, haberá premios en metálico de 40, 35 e 30 euros para as tres primeiras persoas gañadoras. E en parella/trío os premios serán de 60, 40 e 30 euros para os tres primeiros clasificados.

A modalidade de comparsas de 4 a 12 membros contempla na categoría adulta un primeiro premio de 300 euros e un segundo de 150 euros; mentres que na categoría infantil haberá un primeiro premio de 200 € e un segundo de 100 €.

Finalmente, na categoría de comparsas de 13 o máis membros estipúlanse 400 € para o primeiro clasificado; 200 €, para o segundo, e 150 € para o terceiro clasificado.

Todos os grupos e comparsas que participen no desfile deberán estar ás 16.30 horas diante do Concello de Rois este sábado 18 de febreiro. Alí recibirán un dorsal que deberán colocar nun lugar visible e que indicará a súa orde de participación no mesmo. O desfile está aberto a todas as persoas que queiran participar nel. E, no polideportivo de Rois disporán dun tempo máximo de 10 minutos para actuar diante do xurado.

Durante o desfile o xurado valorará a orixinalidade dos disfraces, a creatividade, a imaxinación e a posta en escena. O desfile sairá diante da casa consistorial de Rois e rematará no polideportivo municipal.

Cómpre subliñar que os disfraces que recibiran algún galardón no concurso do ano pasado, non poderán ser premiados neste.

As bases do concurso e das follas de inscrición están dispoñibles na web do Concello, nesta ligazón: https://www.rois.gal/actualidade/o-concurso-de-disfraces-do-entroido-de-rois-repartira-mais-de-1-800-euros-en-premios/