O auditorio do edificio multiúsos de Rois acolleu na mañá deste xoves 11 de setembro un encontro organizado pola Real Academia Galega (RAG) e a asociación Alingua —á que pertence o Concello de Rois — centrado no proxecto de promoción do galego na infancia Modo galego, actívao! A xornada serviu para que os concellos que forman parte de Alingua coñezan de preto esta experiencia, desenvolvida dende 2021 polo Concello de Ames e pola RAG, e estuden a súa posible implantación noutros municipios.
O programa, que implicou a máis de 2.500 nenos e nenas, familias, profesorado e persoal educativo en Ames, combina accións lúdicas de dinamización lingüística coa súa posterior avaliación pola Academia. Henrique Monteagudo, presidente da RAG, destacou que “concibimos Modo galego, actívao! como un proxecto piloto, pero coa idea de estendelo a outros concellos”, e subliñou a importancia de que cada municipio se implique na posta en práctica da iniciativa.
Pola súa banda, Ramón Tojo, alcalde de Rois, felicitou a RAG e o Concello de Ames pola iniciativa e resaltou que “hai que apostar pola colaboración entre institucións para que o proxecto se implante en máis municipios”. Tojo recordou tamén que Rois é concello fundador de Alingua e participa activamente en programas de dinamización da lingua como Apego, Youtubeiras ou o Club de Debate, mostrando o compromiso local coa promoción do galego.
A xornada contou tamén coa presenza de Ramón Varela, presidente de Alingua, e de Blas García, alcalde de Ames, así como técnicos da RAG e do Concello de Ames, que explicaron con detalle os catro anos de posta en práctica do programa e a súa avaliación nos espazos educativos formais e non formais.


















