O Concello de Rois organizará unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica o vindeiro 27 de marzo, ás 19:30 horas, no Edificio Multiúsos. Esta iniciativa busca fomentar a reciclaxe de residuos orgánicos no fogar, promovendo prácticas sostibles entre a veciñanza.
Durante o evento, os participantes recibirán información detallada sobre o proceso de compostaxe e, ao remate da formación, entregaránselles os materiais necesarios para poñelo en práctica: un composteiro, un aireador e un manual de compostaxe. A sesión está dirixida a persoas residentes en Rois que dispoñan dun espazo mínimo de 50 m² para a instalación do composteiro.
Debido á dispoñibilidade limitada de composteiros, é preciso realizar unha inscrición previa a través da web https://rois.rsu.gal/ para garantir a entrega do material.
Ademais, ao longo do anos 2025 realizarase un seguimento para supervisar a correcta aplicación do proceso de compostaxe.
Esta campaña conta co apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
As persoas interesadas poden contactar no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico residuos@rois.gal.