20190322 Cartel Teatro Primeira VezO vindeiro sábado 30 de marzo a compañía Talía Teatro chega a Rois coa súa función ‘A primeira vez’. A representación terá lugar no Auditorio Municipal e comezará ás 20.00 horas. Esta obra non está recomendada para menores de 13 anos e os seus autores preséntana así:

É a décima vez que soa o teléfono na metade da noite. Despois de atravesar a cidade horriblemente iluminada, no medio da chuvia, deambular entre bloques de vivendas, atopar o edificio, a escaleira, o piso e a porta…el e ela confróntanse de novo para trazar o itinerario da súa primeira vez.

Defendida a toda costa por el, sabotada polas constantes saídas de ton dela, querendo e non; un asúmea como feito necesario, oportuno e desexado, pero intranscendente, mentres que a outra ansía unha primeira vez perfecta, resultado dunha decisión moi meditada, ata o extremo.

A primeira vez conta polo tanto a primeira relación sexual de Mada e Carlos. Unha relación na que ela oficia de directora e guionista da historia, quen planea o encontro perfecto, coidado e medido ata o último detalle; e el, que se converterá no seu fiel actor. A infinita repetición e o eterno ensaio pasan a ser o motor da relación.

A estrea de ‘A primeira vez’ é hoxe, 22 de marzo, na Estrada e mañá tamén estreará en Rois.