O Pleno da Corporación de Rois aprobou no pleno de onte por unanimidade os dous puntos da orde do día, relacionados coa mellora de infraestruturas no municipio. Por un lado ratificouse a addenda ao convenio entre Xunta e Concello para construír a depuradora de Urdilde, que se retrasa uns meses e quedará rematada o ano que vén. Os tres grupos tamén ratificaron a petición á Consellería de Presidencia dunha axuda para mellorar o camiño de acceso á Chisca, obra que se executará conxuntamente con Dodro.
Augas de Galicia e o Concello de Rois asinaron un convenio o ano pasado para construír a nova depuradora de Urdilde, cunha inversión de 915.000 euros, dos que o Concello aportará un máximo de 183.000 e a Xunta outros 732.000 euros. A obra estará financiada pola Unión Europea, no marco do Eixo REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2022.
Augas de Galicia comunicoulle ao Concello que ten previsto adxudicar o contrato no último trimestre deste ano, polo que as obras da nova depuradora de Urdilde, que teñen un prazo de execución de oito meses, estarán rematadas no 2023. Este retraso duns meses na licitación deste proxecto é o que obriga a asinar a addenda ao convenio, que onte foi aprobada por unanimidade.
Na addenda establecese que dos 915.000 euros que costará a nova infraestrutura, 20.231,38 euros serán investidos este ano, mentres que os 894.768,62 euros restantes serán executados o ano que ven.
Por outra banda, o Concello de Rois e o de Dodro teñen previsto mellorar o camiño de acceso á Chisca, cunha obra que representa un investimento de case 65.000 euros, o que permitirá tapar as fochancas e botar un rego asfáltico de selado, segundo explicou o concelleiro de obras, Carlos Ares. O proxecto foi realizado polo Concello de Dodro. Onte, no Pleno de Rois ratificou por unanimidade a resolución da alcaldía pedindo unha axuda á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo dentro do programa para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotación, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinados aos concellos. Segundo explicou o alcalde no Pleno, Dodro encargouse de realizar o proxecto, Rois solicitou este ano a subvención e os dous concellos pagarán ao 50% os custo da obra. A axuda da Xunta xa está concedida e en breve iniciarase o proceso de contratación.
No apartado de rogos e preguntas, e entre outros temas, no BNG solicitaron copia do informe sobre a calidade do aire nas medicións que está a realizar a Xunta, pero que aínda non se remitiu ao Concello, segundo explicou o alcalde. Dende o grupo socialista, tras recordar que o Concello solicitou unha achega para construír unha marquesiña e un porche no centro de día de Urdilde, preguntou que xestións estaba realizando o goberno local para ampliar as prazas no centro. O alcalde, Ramón Tojo, explicou que a marquesiña era necesaria para resgardarse nos días de choiva, tanto as persoas usuarias como as visitas. Respecto ao número de prazas, a concelleira Mercedes Basante informou que, actualmente, o centro de día de Urdilde ten 26 prazas ocupadas das 40 dispoñibles. Lembraron que quen xestiona o centro de día de Urdilde é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta.