Minuto de silencio no auditorio no acto intstitucional do Concello de Rois polo 25N

Concello de Rois desenvolveu este sábado, 29 de novembro, o acto institucional de conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O acto, celebrado no auditorio do multiúsos, comprendeu a lectura do manifesto municipal, a cargo da concelleira Mercedes Basante, e varios xestos de homenaxe ás víctimas da violencia machista. Asistiron tamén os concelleiros Victoria Quiroga e Manuel Cobas, así como o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira padronesa Laura Horta.

A programación do 25N comezou ás 19.30 horas coa lectura do manifesto institucional. A concelleira de Igualdade, Mercedes Basante, lembrou no seu discurso que España rexistrou no que vai de ano un total de 38 feminicidios, dous deles en Galicia, deixando vinte menores orfos, e advertiu de que “as mulleres vítimas dos agresores machistas non son cifras, senón persoas en perigo sometidas a un sufrimento extraordinario”. A concelleira incidou así mesmo na necesidade de reforzar os mecanismos legais e de protección e condenou “a quen nega ou minimiza esta realidade”.

Ao finalizar a lectura, acendéronse candeas en memoria de cada unha das mulleres asasinadas neste 2025 e se gardou un minuto de silencio.

O acto continuou ás 20.00 horas coa representación teatral Sen lingua, da compañía Serea Teatro, unha obra que convidou as numerosas persoas asistentes a reflexionar sobre as diferentes formas de violencia e como o machismo máis sutil relega as mulleres aso silencio e ao ostracismo.

Accións de sensibilización adicionais no municipio

Ademais do acto institucional, Rois desenvolveu nos últimos días diversas accións de sensibilización fronte á violencia machista. O 25 de novembro, o propio Día pola Eliminación da Violencia contra a Muller, as dependencias municipais, o centro de saúde, os comercios e os locais de hostalería prenderon candeas en memoria das vítimas e distribuíron folletos informativos do Centro de Información á Muller – CIM Terras de Iria, que ofrece asesoramento gratuíto a todas as veciñas que o precisen.

O persoal municipal tamén quixo sumarse a esta xornada, gardando un minuto de silencio diante da casa consistorial, nun acto presidido polo alcalde, Ramón Tojo, e membros do equipo de goberno.

As accións de concienciación estendéronse aos centros educativos do municipio. Nestes días, o alumnado de infantil e da 4º da ESO participou en distintos obradoiros e se colocaron na escola infantil e nos colexios dos Dices e do Pumar sinais de tráfico contra a violencia machista.

O Concello de Rois agradeceu a participación da veciñanza nos distintos actos e reiterou o seu compromiso firme de continuar traballando día a día contra calquera forma de violencia sobre as mulleres. Ademais, e como lembrou Mercedes Basante no manifesto, quixo enviar unha mensaxe de esperanza: “Hai saída. Non estades soas”.