O alcalde Rois, Ramón Tojo, xunto ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, asistiron esta mañá á restauración do mural vexetal dedicado a Rosalía de Castro e elaborado polo escultor local Camilo Seira. O acto forma parte do programa de actividades organizado polo Concello para celebrar o ‘Día de Rosalía’ no 187 aniversario do seu nacemento.

Ademais de agradecer a Anxo Angueira a súa visita, o rexedor transmitiu os seus parabéns “ao noso veciño ilustre, Camilo Seira, pola restauración deste deseño dunha Rosalía en verde, sempre viva”. Ramón Tojo recordou que tamén o municipio conta cunha placa en homenaxe á escritora en Fondóns.

Anxo Angueira, pola súa banda, felicitou ao escultor e ao Concello por esta obra “porque Rosalía é de moitas cores, a verdade, pero tamén é verde, pois foi unha muller defensora do mundo botánico, vexetal, unha ecoloxista pioneira no seu tempo”. Ademais, o presidente da Fundación Rosalía agradeceu ao goberno local “as celebracións que fai ao redor da figura de Rosalía e a súa colaboración coa Fundación”, entidade da é que mecenas o municipio.

Este mural, que desde 2020 lles dá a benvida a todas as persoas que se achegan ao edificio multiúsos, lembra a influencia duradeira da poeta na cultura galega.

Nestes días do mes de febreiro, a veciñanza de Rois terá a oportunidade de participar nun concurso en redes para lembrar o legado de Rosalía e o propio venres día 23, repartiranse marcapáxinas e instalarase un photocall na biblioteca municipal dedicado á escritora. Tamén se lle ofrece á xente a oportunidade de explorar a súa creatividade cun recortable coa cara da escritora.

Degustación de caldo de gloria

Ademais, o propio venres día 23, o Concello de Rois promove de novo a degustación do “Caldo de Gloria”, unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro inspirada no poema Miña casiña, meu lar. Os establecementos participantes na campaña ofrecerán de balde unha tapa de caldo e regalaranlle á súa clientela un marcapáxinas de Rosalía como recordo deste día tan especial.

A Taberna Angueira, a Taberna Casa Benjamín, o Hotel Camiño do Mar, o Mesón A Casiña, a Casa rural Fogar do Selmo, o Café-bar A Lúa, o Bar O Pemento, o Café-bar Rafa, o Club de golf Val de Rois e a Taberna Venezuela únense así á homenaxe á poeta.