Coa idea de que as familias poidan planificar con tempo as actividades e o seu calendario de conciliación durante o verán, o Concello de Rois abre xa o prazo de inscrición nos campamentos de verán. Estes campamentos realizaranse en agosto na localidade de Cabana de Bergantiños e estarán destinados a cativada nada entre os anos 2008 e 2017, que se dividirán en dúas quendas: unha infantil e outra xuvenil.
Nenas e nenos terán a oportunidade de desfrutar dunha semana de convivencia no albergue de Cabana de Bergantiños realizando diferentes actividades náuticas e ao aire libre. A primera quenda, a infantil para cativada nada entre os anos 2013 e 2017, levarase a cabo do 10 ao 16 agosto. Tomarán o relevo os xuvenís, nados entre o 2008 e o 2012, entre o 17 e o 23 de agosto.
O prezo será de 240 euros por rapaz/a participante, con bonificacións dun un 15 por cento menos no total para segundo irmán, familias numerosas ou monoparentais e menores con discapacidade. O custo inclúe aloxamento nun albergue, pensión completa, monitorado as 24 horas, transporte para as excursións, actividades náuticas, material e seguro.
As inscricións realizaranse ata o martes 22 de abril cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do Concello de Rois no apartado Xestións e trámites e, dentro deste, en Formularios de trámites. As prazas, limitadas a vinte por campamento, están dirixidas preferentemente a cativada empadroada en Rois. No caso de haber máis solicitudes que prazas procederase á realización dun sorteo.
Non obstante, e no caso de que o número de solicitudes o permita, ademáis do empadroamento valorararanse os seguintes criterios para a distribución de prazas:
•Menores escolarizados/as nos centros educativos de Rois
•Menores cuxos proxenitores/as teñan o seu centro de traballo no municipio
•Menores cun vínculo familiar a persoas censadas en Rois ata o 2º grao de parentesco