A Andaina Bisbarra do Sar chegará á súa 18 edición o sábado 29 de marzo. Como entidade colaboradora, o Concello de Rois dispón dun total de 40 inscricións gratuítas. Estas inscricións, dirixidas a persoas empadroadas no municipio, poderán facerse a partir do mércores 15 de xaneiro.
Para formalizar a súa participación, as persoas roisenses interesadas deberán descargar a ficha de inscrición que acompaña esta nova, cubrila e enviala por correo electrónico a inscricions@rois.gal. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata que esgoten, tendo como data máxima ata o 24 de febreiro.
As inscricións que se realicen a partir dese día, faranse pola vía ordinaria (preme nesta ligazón). A rapazada menor de 14 anos pode participar de balde, pero terá que ir acompañada dunha persoa adulta.
A Andaina Bisbarra do Sar consta dun itinerario de 50 quilómetros que percorre os municipios de Rois, Padrón e Dodro. Poden inscribirse na proba tanto persoas con ficha da Federación Galega de Montaña como non federadas, escollendo entre dúas modalidades de participación: camiñando (con retencións nos controis) ou correndo/trotando (sen retencións).
O percorrido dividirase en dous aneis de 32 e 18 quilómetros, respectivamente, coa posibilidade de facer só un deles. As persoas que vaian realizar o itinerario completo ou o de 32 quilómetros sairán ás 9.00 horas do paseo padronés do Espolón. Quen queiran facer o de 18 quilómetros comezarán a andaina ás 13.30 horas. Tamén poderán facerse só 14 quilómetros, saíndo pola mañá e collendo un desvío sinalizado no quilómetro 5. Na túa inscrición debes indicar que distancia vas facer.
Podes consultar toda a información sobre a proba na páxina da Andaina Bisbarra do Sar. Se tes dúbidas, axudarémosche no departamento de Deportes do Concello de Rois no edificio multiúsos, no teléfono 981 816 061 ou no correo inscricions@rois.gal (indica no asunto Inscrición Andaina Bisbarra do Sar).