O Concello de Rois abre hoxe o prazo de inscricións para o Diververán, programa impulsado polo goberno municipal para facilitar a conciliación durante as vacacións escolares de verán. O campamento, dirixido a alumnado de 4º de infantil en adiante, desenvolverase nos colexios de Rois e de Urdilde dende o luns 23 de xuño ata o venres 5 de setembro, cubrindo todo o período sen clases.
Un ano máis, as nenas e os nenos de Rois en idade escolar terán a oportunidade de aprender e divertirse no Diververán cunha chea de propostas, que se desenvolverán ao aire libre sempre que sexa posible e que inclúen xogos e dinámicas de grupo, manualidades, saídas culturais ou a practica de diferentes disciplinas deportivas.
O campamento de conciliación cubrirá todo o período de vacacións escolares, entre xuño e setembro, dividido nun total de seis quendas: 1. Do 23 ao 30 de xuño, 2. Do 1 ao 15 de xullo, 3. Do 16 ao 31 de xullo, 4. Do 1 ao 14 de agosto, 5. Do 18 ao 29 de agosto e 6. Do 1 ao 5 de setembro. As actividades desenvolveranse todas as mañás laborais entre as 9.30 horas e as 14.30 horas, contando ademais coa dispoñibilidade dun servizo de amencer dende as 7.30 horas.
Os prezos variarán en función das quendas elixidas, de se se participa en unha ou en máis quendas e de se se fai uso do servizo de amancer. Este servizo tamén estará dispoñible por días soltos a un custo de 2 euros/día.
INSCRICIÓN NUNHA ÚNICA QUENDA | SEN AMENCER | CON AMENCER |
1ª quenda: do 23 ao 30 de xuño | 36,00€ | 39,00€ |
2ª quenda: do 1 ao 15 de xullo | 66,00€ | 71,50€ |
3ª quenda: do 16 ao 31 de xullo | 66,00€ | 71,50€ |
4ª quenda: do 1 ao 14 de agosto | 60,00€ | 65,00€ |
5ª quenda: do 18 ao 29 de agosto | 60,00€ | 65,00€ |
6ª quenda: do 1 ao 5 de setembro | 30,00€ | 31,50€ |
INSCRICIÓN EN 2 OU MÁIS QUENDAS | SEN AMENCER | CON AMENCER |
1ª quenda: do 23 ao 30 de xuño | 30,00€ | 33,00€ |
2ª quenda: do 1 ao 15 de xullo | 55,00€ | 60,50€ |
3ª quenda: do 16 ao 31 de xullo | 55,00€ | 60,50€ |
4ª quenda: do 1 ao 14 de agosto | 50,00€ | 55,00€ |
5ª quenda: do 18 ao 29 de agosto | 50,00€ | 55,00€ |
6ª quenda: do 1 ao 5 de setembro | 25,00€ | 26,50€ |
Sobre estes prezos establécense bonificacións do 15% pola matriculación da/o segunda/o irmá/n ou no caso de que a rapazada usuaria pertenza a unha familia numerosa, monoparental ou que teña algún membro cunha discapacidade recoñecida de máis do 33%.
A solicitude de matrícula realizarase cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do Concello de Rois (www.rois.gal) no apartado Xestións e trámites ou tamén pode descargarse nesta ligazón. O prazo estará aberto ata o luns 19 de maio.
No caso de haber máis solicitudes que prazas, estableceranse os seguintes criterios de preferencia: menores empadroados en Rois, menores escolarizados en centros educativos de Rois, menores cuxos proxenitores teñan o seu centro de traballo no municipio e menores cun vínculo familiar a persoas censadas en Rois ata o segundo grao de parentesco.
Toda a información sobre o Diververán 2025 pode consultarse no arquivo que se achega con esta nova.