Cartel Andaina do S. Isidro. Letras Galegas 2025

O Concello de Rois abre hoxe, venres 4 de abril, as inscricións para a Andaina do Santo Isidro. Letras Galegas, proba non competitiva que se desenvolverá o domingo 18 de maio a partir das 10 da mañá e ofrece ás persoas participantes a posibilidade de facer algo de deporte coñecendo as fermosas paraxes do municipio nunha xornada de convivencia veciñal.

A Andaina do Santo Isidro, que chega á súa sexta edición, terá saída e meta no pavillón de Rois e desenvolverase sobre un circuíto sen a penas desnivel de ao redor de 14 quilómetros que discorrerá polos Dices, Oín, Seira, Os Fondóns, praia fluvial de Seira, Lamego, A Meana, Seaxe, Sorribas, Vía Crucis de Sorribas, A Peruca, A Pontenova e Os Dices.

Como xa sucedeu nos últimos anos, a andaina homenaxeará as nosas letras. Nesta ocasión, centrarase na tradición oral de Rois e en cada punto quilométrico poderemos atopar unha copla do noso municipio, recollidas todas elas polo etnógrafo Clodio González. Todas as persoas participantes na andaina poderán entrar no sorteo dunhas zapatillas de deporte facéndose unha foto diante dalgunha destas marcas quilométricas e subíndoa a Facebook ou Instagram, en aberto, co cancelo #Roiscoasletras co martes 20 de maio como data límite.

As inscricións poderán facerse ata o mércores 14 de maio ás 23.59 na páxina www.emersport.es e teñen un custo de 5 euros para persoas adultas. Os menores de idade participarán gratis e deberán estar acompañados dunha persoa adulta.

A proba contará con dous avituallamentos, un na Meana superada a metade do percorrido e outro na chegada. Ademais, as persoas participantes terán á súa disposición as duchas e os vestiarios do polideportivo de Rois.

Os dorsais recolleranse entre as 8.00 e as 9.30 horas.

Preme nesta ligazón para consultar o regulamento.